ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / As forzas políticas de Galiza debaten sobre o...

03-06-2021

As forzas políticas de Galiza debaten sobre o actual modelo eólico

Onte tivo lugar a quinta é última das mesas redondas do ciclo “Proxectos eólicos e os seus impactos na Galiza” que organiza a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). Neste encontro participaron as forzas políticas con representación nas institucións galegas para expoñer as súas posturas ao respecto do actual modelo de implantación eólica, contando coas intervencións de Marta Novoa (Voceira de Enerxía do Grupo Parlamentario do PP), Noa Presas (Voceira de Enerxía do Grupo Parlamentario do BNG), Pablo Arangüena (Voceiro de Medio de Ambiente do Grupo Parlamentario do PsdG) e Antón Sánchez (Voceiro Nacional de ANOVA) e coa moderación de Verónica Torrijos, vicepresidenta de ADEGA.

Cuestións como a demanda social dunha moratoria aos proxectos en tramitación, as portas xiratorias ás eléctricas, a ampliación da Rede Natura, ou a falta de retorno económico dos macroparques así como o seu impacto ambiental estiveron presentes ao longo de todas as intervencións e na rolda de preguntas e comentarios do público.

Máis polo miúdo, Antón Sánchez sinalou a ausencia dunha planificación enerxética como a causante dunha situación de “barra libre ás eólicas” que trae impactos para todas e beneficios para unha elite empresarial da que forman parte bancos, das construtoras, dos fondos voitre pero non da cidadanía. En contraposición, avogou por un novo modelo enerxético no que, xunto coa redución de consumo eléctrico, se camiñe cara o autoconsumo e as pequenas instalacións tal e como recorda que indican as directrices europeas, xa que considera que en Galiza se dan as condicións excepcionais para isto.

Pablo Arangüena suliñou que o PsdG é partidario das renovables pero é preciso un novo modelo eólico para Galicia que pasa por “ordenar o territorio, ralentizar” a instalación para minimizar o impacto ambiental e social e maximizar o beneficio no territorio e nas comunidades afectadas. Adiantou, que hoxe presentarán na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento unha iniciativa fundamentada en 4 puntos que van na liña de minimizar o impacto ambiental: a moratoria a novos parques eólicos en zonas de previsible ampliación da Rede Natura, someter o plan eólico de Galiza de 1997 á avaliación estratéxica ambiental ou acordar un novo plan, evitar a fragmentación de parques e maximizar o rigor no impacto ambiental de cada parque.

“Unha alfombra vermella ao sector eólico”

Noa Presas, indicou que esta vaga eólica é un “problema de país” no que Galiza ten pouca capacidade de decisión xa que a Xunta achairou o camiño e puxo unha“alfombra vermella ao sector eólico”, grazas ás Leis de Depredación e Reactivación económica. Apostou por novo modelo xusto, sostible e galego que se sosteña sobre un novo plan sectorial eólico. Este debe incluir zonas de exclusión eólica para as áreas de alto valor ambiental á vez que se asocien plans de desenvolvemento industrial complementario, recordando que na actualidade no existe tal e como demostra o peche de Siemens Gamesa, así como fomentar a participación dos concellos, as comunidades de montes e a Xunta, sendo necesaria a creación dunha empresa pública galega.

En última instancia, Marta Novoa quixo relativizar a situación, destacando que o inicio de rexistro e tramitación dun proxecto eólico “non significa que sexa viable e polo tanto se vaia aprobar”. Á vez, asegurou que tanto a nivel estatal como autonómico existe un marco legal garantista para a boa avaliación, tamén ambiental, dos macroparques eólicos, polo que non habería que paralizalos antes de tramitalos. Negou tamén que a Xunta fragmente parques, indicando que se estudan as instalacións eólicas ata nun rango de 15 quilómetros.

O tempo de preguntas e comentarios tivo unha ampla participación do público e rematou cunha rolda de intervencións de cada unha das representantes das formacións políticas, convidando todas, agás o PP, a secundar a Gran Marcha contra a invasión eólica de Galiza que terá lugar este sábado 5 de xuño en Santiago de Compostela.

Pódese visualizar a gravación da mesa redonda completa a través do Youtube de ADEGA.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal