ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Eliminando especies invasoras do río Tea e...

21-05-2021

Eliminando especies invasoras do río Tea e inventariando a biodiversidade do río Alén

Proxecto Ríos celebra o Día da Biodiversidade eliminando especies exóticas

Mañá sábado, 22 de maio, celébrase o día Mundial da Biodiversidade que trata de facer unha chamada de atención sobre a conservación da diversidade biolóxica para o mantemento da vida e dos ecosistemas do planeta.

O Proxecto Ríos, realizará diferentes actividades que van neste camiño. O Proxecto Ríos é unha iniciativa de Educación e Voluntariado Ambiental promovida por ADEGA que conta co apoio de Augas e Galiza e CH Miño – Sil. A finalidade deste programa é dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

Hoxe venres 21 de maio comeza o Campo de Voluntariado Ambiental no río Tea para a eliminación de flora exótica invasora que se estenderá toda a fin de semana. Os campos do Tea son a continuación dos traballos desenvolvidos ao abeiro do programa de Voluntariado en Ríos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente que comezaron en 2007. En 2021 realizarase un campo de voluntariado ambiental, coa colaboración da Confederación Hidrográfica do Miño – Sil, a fin de semana do 21, 22 e 23. O voluntariado terá cubertos os gastos de aloxamento e manutención, e contará con seguro de accidentes. Con este son catorce anos loitando contra as invasoras, o que o converten nunha das iniciativas de máis longo percorrido do país.

Voluntarios e voluntarias de toda Galiza traballarán na eliminación de flora exótica invasora presente en diferentes treitos do río Tea (localizados no LIC río Tea ES1140006). As especies a eliminar son plántulas de dúas árbores (Acacia dealbata e A. melanoxylon) coñecidas vulgarmente como mimosas, tamén se eliminarán árbores e pequenas matas de bambú (Phyllostachys spp.) e tintureira (Phytolacca americana).

Tamén dentro do Campo do Tea, o domingo 23 realizaremos unha Descuberta de Biodiversidade do río Alén, afluente do Tea que conta cunha grande riqueza natural. Realizarase un inventario da fauna e flora presente neste río empregando a Plataforma de ciencia cidadá iNaturalist.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal