Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Día Mundial da Diversidade Biolóxica: O desleixo...
22-05-2021
Este 22 de maio é o Día Mundial da Diversidade Biolóxica. En ADEGA queremos facer repaso ao estado da biota galega, centrándonos na situación das especies máis ameazadas. Este ano o lema que propón a ONU é "Somos parte da solución" en referenza ao imprescindíbel compromiso da sociedade coa conservación e recuperación da diversidade natural.
Polo que atinxe ás especies máis sensíbeis, aquelas que integran o Catálogo Galego de Especies Ameazadas e que poden servir de indicadores do estado xeral da biodiversidade galega, a situación é crítica: Só 3 das 200 especies ameazadas contan cun plano de conservación ou recuperación aprobado e en funcionamento. Dende 2007 a Xunta só foi quen de aprobar as ferramentas (planos de conservación e recuperación) de 3 especies en perigo: sapoconcho común, escribenta das canaveiras e píllara das dunas. Dende aquela, moitas das especies ameazadas viron ocupados, fragmentados ou eliminados os seus hábitats por todo tipo de actividades e infraestruturas: eólicos, canteiras, liñas de alta tensión, vías de comunicación etc, que con toda seguridade degradaron as súas poboacións.
Contrariamente ao reclamado polo lema da ONU para este Día Mundial da Biodiversidade, "sermos parte da solución" o goberno Feijóo é tamén unha parte fundamental, mais do problema. O desleixo dos actuais responsábeis da Xunta por conservar e recuperar a nosa biodiversidade máis sensíbel constitúe o principal factor de ameaza para estas especies. Proba diso son as ducias de documentos, informes técnicos e estudos licitados, adxudicados, pagados e entregados para servir de base aos planos de conservación e recuperación das especies ameazadas e que os actuais responsábeis da Xunta esqueceron durante lustros nun caixón.
ADEGA e outros colectivos ecoloxistas levamos tempo reclamando da Xunta, sen éxito, a aprobación das ferramentas de xestión das especies ameazadas, obrigatorias por lei. Agora vimos de coñecer a magnitude deste desleixo, ao ter finalmente acceso á listaxe de estudos técnicos licitados pola Xunta, imprescindíbeis para a redacción e aprobación dos decretos que permitirían salvar a nosa biodiversidade máis ameazada.
Dende 2005 a Xunta licitou 45 asistencias técnicas e contratos de servizo para outras tantas especies ou grupos de especies ameazadas, atinxindo a aproximadamente o 50% das presentes nos anexos do Decreto 82/2007. 29 destas licitacións, cuxos documentos técnicos xa foron entregados hai máis de 11 anos, corresponden á etapa do goberno bipartito e 16 ao periodo Feijóo. En 4 anos (2005-2009) contratáronse case o duplo de asistencias técnicas que nos últimos 12 (2009-2021).
Outra clara proba deste desleixo intencionado do goberno Feijóo é o feito de que este mesmo 2021, a Xunta licitou un estudo para coñecer o estado das poboacións de dúas rapinas ameazadas, a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus). Acontece que o mesmo estudo xa fora licitado en 2008 e obraba en poder de Medio Ambiente dende 2009. Por que non se aprobaron en 12 anos os planos de conservación destas dúas especies de aves, moi ameazadas concretamente pola proliferación de parques eólicos?
De terse aprobado a tempo as preceitivas ferramentas de xestión, moitas das especies ameazadas poderían ter mellorado a súa situación: habería proxectos para as conservar ou recuperar e as súas áreas de presenza e reprodución estarían protexidas fronte á degradación dos seus hábitats por actividades agresivas. Foi ao contrario: o desleixo cómplice do goberno Feijóo, que tendo os informes e a responsabilidade de usalos para mellorar a nosa biodiversidade, ben puido provocar o apioramento do seu estado ou mesmo a desaparición dalgunhas poboacións. E logo do tempo transcurrido moitos dos informes técnicos ficaron obsoletos e ao igual que o da tartaraña e da gataformela, precisarán dunha nova redacción.
Mais as consecuencias deste irresponsábel e desleixado proceder non só prexudicaron as especies ameazadas, tamén supuxeron un inxustificábel desbaldimento de cartos públicos. Os custos das asistencias técnicas e contratos de servizo pagados pola Xunta para a redacción dos planos de xestión das especies ameazadas e nunca levados ao DOG, supuxeron dende 2005 un mínimo de 566.000 €. Máis de medio millón de € de cartos públicos tirados ao lixo, xa que o seu obxectivo último -a redacción dos planos de conservación e recuperación- non se chegou a realizar. En moitos casos, como aconteceu coas rapinas esteparias, será preciso contratar a redacción de novos estudos -e investir máis cartos- polo tempo transcorrido dende a realización dos primeiros.
Un feito curioso é que todos os detalles das 29 licitacións para a redacción dos informes das especies ameazadas durante o periodo 2005 a 2008 figuran publicados no DOG (ligazón 1; ligazón 2). Mentres que dende 2009 ate a actualidade, non hai detalles no DOG de ningunha das 16 licitacións feitas e só 3 figuran na plataforma de contratos públicos de Galiza.
Outro feito realmente escandaloso do proceder do goberno Feijóo coa xestión das especies ameazadas é que mentres mantiña desprotexida a nosa biodiversidade máis fráxil deixando esmorecer durante lustros os planos de xestión sen aprobar, determinadas empresas dispoñían deles para a redacción dos seus proxectos.
É o caso de Greenalia, a empresa da ex-conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato. Na memoria (documento de inicio), do parque eólico "O Cerqueiral", Greenalia menciona como referenzas senllos planos de xestión de dúas especies ameazadas: Tratase do Plano integral de recuperación da Centaurea ultreiae, planta endémica en perigo de extinción (pp. 42, 137, 174 do doc. de inicio); e do Plano integral de conservación da tartaraña cincenta (Circus pygargus) e da gatafornela (Circus cyaneus), dúas aves vulnerábeis (pp. 139 e 175). Ver imaxe lateral.
Acontece que estes dous documentos de xestión, o da Centaurea (licitado en 2007 e entregado en 2011) e o das rapinas esteparias (licitado en 2008 e entregado en 2009) nunca foron aprobados nin publicados no DOG. Como é posíbel que unha empresa privada teña acceso para o seu beneficio á información contida nuns documentos que non son públicos e que recollen valiosos datos científicos sobre especies tan sensíbeis? Como se entende que universidades, concellos, e cidadanía en xeral non poidamos dispoñer da información necesaria para poder contribuir á conservación destas especies e evitar o seu deterioro, mentres que as empresas amigas da Xunta fan un uso espúreo dela? E como é posíbel que os cartos públicos investidos na redacción deses planos beneficien unicamente a unha empresa privada en lugar de incidir positivamente na conservación das especies obxectivo?
Neste Día Mundial da Biodiversidade, resulta triste que o desleixo e a desastrosa xestión das institucións responsábeis de conservar e recuperar a nosa biodiversidade máis fráxil sexa o principal factor da súa degradación.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal