ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / En marcha os Programas de Compostaxe Caseira e...

10-05-2021

En marcha os Programas de Compostaxe Caseira e Comunitaria da man de ADEGA

Comezo da campaña de concienciación sobre a xestión ecolóxica do lixo no concello de Allariz

Co gallo da Semana Internacional da Compostaxe (ICAW), en ADEGA estivemos a pasada semana no concello de Allariz poñendo en marcha unha campaña de concienciación sobre a redución, reutilización e reciclaxe dos residuos, centrada especialmente na compostaxe que se prolongará ata o mes de novembro.

O desenvolvemento da mesma, suporá a entrega de 200 composteiros de uso individual para a recuperación da materia orgánica producida nos fogares que dispoñan de finca, especialmente aqueles situados no rural do municipio. Ademais, a equipa técnica de ADEGA levaremos a cabo charlas informativas e de formación en compostaxe nas parroquias e nos centros de ensino.

Este proxecto conta coa colaboración económica da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, cofinanciado nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, sendo a inversión subvencionable de 41.471,50€. O obxectivo é superar o 50% na separación e reciclaxe dos residuos xerados en Allariz ao longo do ano 2021. Porque só traballando en comunidade podemos conseguilo!

Aquelas persoas con residencia no concello de Allariz e interesadas na obtención dun composteiro poderán enviar un correo electrónico a itziar@adega.gal, medioambiente@allariz.gal ou contactando no teléfono 988 440 001.

Continuamos co Programa de Compostaxe no concello da Pobra do Caramiñal

Por outra banda, tamén realizamos a segunda visita de seguimento ás vivendas do concello de A Pobra do Caramiñal que fan uso do composteiro individual, así como as actividades de sensibilización sobre os residuos, desta vez centradas na reutilización, no centro de ensino CEP Pilar Maestú Sierra.

Nesta segunda visita de seguimento continuamos recollendo datos sobre a temperatura, humidade, volume de residuos e a evolución do compost, resolvendo dúbidas e asesorando sobre o correcto uso do composteiro. Comprobamos que a meirande parte das persoas usuarias adscritas ao programa cumpliron as medidas correctoras recomendadas na primeira visita de seguimento, o que nos leva a pensar á equipa técnica de ADEGA que o resultado final do proceso pode ser un compost completamente ecolóxico e de alta calidade.

Cómpre dicir que as visitas de seguimento están adaptadas ás circunstancias sanitarias actuais, xa que dende ADEGA extremamos as medidas de prevención: máscara, distancia social e uso de xel hidroalcohólico para o coidado do persoal técnico e da veciñanza.

Lembramos tamén que dende a Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal repartiranse outros 50 novos composteiros domésticos, dándolle así continuidade ao proxecto da compostaxe no termo municipal impulsado co obxectivo da redución do peso da fracción resto, recollida nos contedores verdes.



Para máis información sobre os programas de compostaxe: 
compostaxe@adega.gal (María Amigo e Itziar Díaz)


Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal