ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA falla os premios Osíxeno e Dioxina 2020

09-05-2021

ADEGA falla os premios Osíxeno e Dioxina 2020

O fallo xa foi anunciado onte na 45ª Asemblea Xeral de ADEGA


A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) anunciou onte, na súa 45ª Asemblea Xeral de socios e socias, o fallo dos Premios Osíxeno e Dioxina 2020, que nesta edición xa cumpren 20 anos. Con estes galardóns ADEGA quere subliñar o mellor e o peor do pasado ano desde a perspectiva ambiental e ecoloxista.

Premio Osíxeno de Honra 2020: Calros Silvar

Calros Silvar

Este galardón está concibido para subliñar unha traxectoria vital en defensa do ambiente e do patrimonio do país. Desta volta o premio Osíxeno de Honra recoñece o traballo e o compromiso co  medio ambiente galego do debuxante, humorista gráico e guionista Calros Silvar. Ademais dun histórico activista, Silvar é un dos máximos exponentes da ilustración naturalista de Galiza e autor das guías de Natureza en galego de referencia. Comprometido co ecoloxismo galego, a súa vontade sempre estivo aberta a colaborar con ADEGA e con outras organizacións para a defensa ecolóxica do país, ben a través da docencia, ben por medio do deseño e ilustración de materiais educativos e divulgativos. Unha das obras senlleiras de Silvar froito dese marco de colaboración con ADEGA foi o caderno “Contra os vertidos radioactivos. Crónica da expedición ecoloxista de ADEGA a Londres 1983”.

Premios Osíxeno 2020

Salvemos O Iribio

Estes premios galardoan as mellores actitudes ou actuacións ambientais do ano, que en 2020 recaen en:

- Premio Osíxeno individual 2020: Para o activista e ecoloxista Fernando Malvar, polo  seu papel incansábel á fronte da plataforma A Rente do Chan- PLADEVER na defensa do Verdugo. Este río atópase recentemente ameazado por un transvasamento e condenado a seguir soportando os efectos dunha central hidroeléctrica (Ponte do Inferno) que data de 1899 e que continúa en activo,  malia a ter caducado a súa concesión de explotación en 2017. O ano pasado, Augas de Galicia da Xunta deixou caducar o expediente de extinción da concesión da presa do Verdugo, iniciado a instancias de PLADEVER, o que supuxo na práctica unha prórroga indirecta da explotación hidroeléctrica por parte de Naturgy. Este feito obrigou a PLADEVER a instar de novo á Xunta a exintinguir esta concesión que xa ten 112 anos.

-Premio Osíxeno colectivo 2020: Para a plataforma “Salvemos O Iribio” por conseguir frear a construción do parque eólico Serra do Iribio, situado na Zona de Especial Conservación Ancares-Courel, nun espazo de Rede Natura. A plataforma, por medio dalgúns dos seus colectivos integrantes -entre eles ADEGA-, gañou unha importante batalla xudicial no TSXG que, ademais de parar as obras do parque iniciadas irregularmente e de botar abaixo o proxecto, representa unha gran labazada legal ao Executivo de Alberto Núñez Feijóo e ao órgano substantivo que tramitou a modificación do proxecto ao fronte do cesado director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces. A sentenza do TSXG, de converterse en firme, podería sentar unha importante xurisprudencia en Galiza, e no resto do Estado, na defensa dos espazos de Rede Natura e da súa contorna fronte este tipo de macroproxectos industriais. A través deste fallo, o Tribunal Superior cuestiona a normativa sectorial vixente en materia eólica.

Premios Dioxina 2020

Beatriz Mato

ADEGA entrega estes premios a persoas e colectivos que teñen protagonizado as accións ou actitudes do ano máis nefastas para o medio ambiente galego. En 2020, outórganse a:

-Premio Dioxina individual 2020: Para a ex-conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, por protagonizar un dos casos máis escandalosos en Galiza de “portas xiratorias” entre determinada clase política e as grandes empresas enerxéticas. Beatriz Mato pasou a ser directora de Desenvolvemento Corporativo da compañía eléctrica Greenalia só dous meses despois de deixar a política. Durante a súa etapa como conselleira de Medio Ambiente e até 2019, a Xunta autorizou 5 parques eólicos ás distintas filiais de Greenalia, e concedeu 795.000€ en subvencións e 1.000.000€ en préstamos ás empresas do grupo no que agora traballa.

-Premio Dioxina colectivo 2020: Para ALCOA por querer abandonar a Mariña lucense sen saldar a súa débeda ecolóxica e social. En 2020, anunciou o despedimento de máis de 500 persoas sen un plan alternativo para o futuro da comarca e sen garantir o pago da súa débeda ambiental. ALCOA leva décadas sometendo a sociedade galega a unha chantaxe continua, poñendo os postos de traballo como escudo para conquerir prebendas, subvencions (máis de 800 millóns de € en 10 anos), rebaixas no prezo da luz, ou concesións da administración na rebaixa de cautelas ambientais e na elevación dos límites de contaminación para evitarlle custos. En 2020 deixou ás claras as súas verdadeiras intencións: abandonar a Mariña deixándoa “á súa sorte” e tratando de esquivar calquera tipo de responsabilidade social ou ambiental. ALCOA segue sen ter vontade de reparación do dano exercido e sen presentar un plan de estabilización da balsa de lamas tóxicas e de descontaminación dos terreos afectados.

Acto de entrega

Debida a actual situación de risco sanitario, ADEGA fará entrega destes galardóns nunha data posterior ao levantamento do estado de alarma que aínda está por concretar. Prevese que a entrega se faga nun acto presencial no que se convidarán os premiados colectivos e individuais, ademais das socias e socios de ADEGA.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal