ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Roi Cuba Dorado, escollido novo presidente de...

08-05-2021

Roi Cuba Dorado, escollido novo presidente de ADEGA

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) celebrou hoxe a súa 45ª Asemblea Xeral que, nesta edición se desenvolveu en formato telemático debido ás actuais circunstancias sanitarias. Nesta asemblea elixiuse nova directiva para os dous vindeiros anos encabezada polo biólogo lugués, Roi Cuba Dorado, ata agora vicepresidente de ADEGA. Tamén se anovaron outros cargos como o de vicepresidencia, que pasa a ocupar Verónica Torrijos, ou a vicesecretaría xeral, que pasa a desempeñar María R. Lafuente. Froilán Pallín segue ostentando a secretaría xeral e Xan Louzao a tesourería. Ademais, creáronse catro novas vogalías (enerxía, montes, arqueoloxía e especies invasoras); mudaron as voceiras das vogalías de residuos, patrimono cultural, mocidade e auga e ríos; e incorporáronse catro novos vogais de xunta directiva sen adscrición temática.

Neste encontro anual das socias e socios de ADEGA tamén se definiron as 5 liñas estratéxicas de traballo da organización ecoloxista para este ano 2021 e que se concretan en: 1. montes e forestal, 2. enerxía eólica, 3. soberanía enerxética, 4. custodia, restauración ecolóxica e ciencia cidadá e 5. Formación ambiental (liña transversal).

Propostas de resolución aprobadas pola 45 Asemblea Xeral

Na 45 Asemblea de ADEGA tamén se aprobaron as seguintes propostas de resolución:

1. FORESTAL
ADEGA manifesta que o actual marco normativo relativo aos montes e á súa xestión forestal é claramente insuficiente e lesiva para o medio ambiente, para o conxunto da poboación e, incluso, para as condicións socioeconómicas de Galiza. A normativa actual e o futuro Plan Forestal están baseadas en datos obsoletos, debido á inexistencia dun inventario forestal actualizado que acabe co descoñecemento sobre a realidade do monte galego. Así e todo, os incumprimentos da lexislación vixente son flagrantes e reiterados. A eliminación do bosque autóctono, pastos e cultivos agrícolas e as plantacións de especies non autóctonas en espazos naturais protexidos non deixan de repetirse ao practicamente non existir vixilancia nin resposta por parte da Administración. A Rede Galega de Espazos Protexidos debe aumentar significativamente a súa superficie ata acadar cando menos a media do Estado español, para cumprir cós obxectivos de protección da natureza e loita contra o cambio climático da UE. ADEGA esixe un cambio de rumbo urxente xa que os prexuízos causados por este modelo de produción forestal son incalculables e irreparables para a biodiversidade, patrimonio natural, patrimonio cultural, para o resto do sector primario e para o mantemento de poboación no rural. ADEGA insta á Administración a analizar estas propostas recordándolle que está na obriga de atender ao conxunto da sociedade galega e non só a certos actores do sector forestal.

2. INVASIÓN EÓLICA
ADEGA rexeita o actual modelo de implantación da enerxía eólica que supón un novo espolio contra os recursos naturais, sociais, económicos, culturais e paisaxísticos do país, comprometendo o seu desenvolvemento futuro como territorio sustentábel e resiliente fronte a actual crise ambiental, climática e social. Instamos á Xunta de Galicia a declarar o antes posible unha moratoria para os novos parques eólicos e as infraestruturas asociadas, ata que non se desenvolva unha planificación eólica racional, que atenda ás necesidades enerxéticas da sociedade galega, que prime o autoconsumo e a autosuficiencia sobre a produción desordenada, que sexa respectuosa co medio ambiente, o medio rural e coas persoas.

3. PENEDOS DE PASARELA E TRABA
ADEGA manifesta o seu profundo rexeitamento aos novos proxectos eólicos en tramitación que afectan a unha das paisaxes naturais máis singulares de Galiza: Os Penedos de Pasarela e Traba, nos concellos de Laxe e Vimianzo. ADEGA insta a estes concellos e á Xunta de Galiza a denegar a autorización a calquera proxecto eólico que afecte de xeito directo ou indirecto este conxunto xeolóxico protexido desde hai máis de 12 anos, ademais de prohibir no Plan de Xestión deste espazo (en tramitación) a instalación de parques eólicos e liñas de evacuación, tanto no seu interior como nas proximidades do mesmo.

4. CUSTODIA DE TERREOS PARA A REPARACIÓN AMBIENTAL
ADEGA insta a institucións públicas e privadas e á sociedade no seu conxunto a involucrarse activamente na preservación da biodiversidade a través da adquisición de terreos destinados especificamente para a conservación, protección e custodia ambiental. Estes espazos deberán ter vocación de convertérense en corredores ecolóxicos que fomenten e reparen a conectividade de hábitats e organismos entre os diferentes ecosistemas do territorio galego.

5. COLABORACIÓN TRANSFRONTEIRIZA
ADEGA intentará promover a colaboración coas zonas fronteirizas con Galiza que partillan un ambiente e cultura semellaness para alén da súa historia común, nomeadamente no cadro do Eixo Atlántico, instrumento que pode ser activado como defensor do ambiente común dunha e doutra banda da Raia (Miño e Raia Seca).

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal