ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA promove un Ciclo de 5 mesas redondas sobre...

30-04-2021

ADEGA promove un Ciclo de 5 mesas redondas sobre enerxía eólica e os seus impactos na Galiza

O mércores, 5 de maio, ADEGA dará comezo ao Ciclo de mesas redondas "Proxectos eólicos e os seus impactos na Galiza", que se celebrará todos os vindeiros mércores, ata o 2 de xuño incluído. A través destas mesas de debate e reflexión ADEGA pretende analizar desde diferentes puntos de vista os impactos que poden carrexar para o noso territorio a actual enxurrada de proxectos eólicos que se está a tramitar tanto nos organismos da Xunta como do Estado. Arestora xa son máis de 130 proxectos eólicos, alén das súas infraestruturas de evacuación, os que se pretenden instalar en Galiza, e que en total suman máis de 10.000 MW de potencia en tramitación, case o triple do actualmente instalado.

Desde a asociación ecoloxista ADEGA rexeitamos este modelo de desenvolvemento eólico, entre outras razóns, por carecer dunha planificación racional e axeitada para afrontar o reto da descarbonización e do quecemento global, non ter en conta as necesidades enerxéticas de Galiza e reproducir o noso papel histórico como territorio colonizado e espoliado para a xeración de enerxía eléctrica en beneficio do grande capital e doutros territorios intensamente consumidores.

A actual carreira das empresas eólicas por chantar a súa bandeira en territorio galego está a poñer en risco, non só unha transición enerxética xusta, tamén a preservación do patrimonio cultural, da biodiversidade, a viabilidade dos sectores económicos primarios e estratéxicos, a nosa paisaxe, e demais, pode significar o golpe final para o futuro do rural galego.  Todos estes impactos procedentes do actual modelo eólico serán tratados nas 5 mesas redondas previstas. Tamén se reservará espazo para coñecer e compartir as experiencias de colectivos e persoas directamente afectadas por esta nova e masiva vaga eólica que atenta contra os seus dereitos das persoas e a súa forma de vida.

Mesa 5 maio: Impactos sobre o Patrimonio

A primeira mesa redonda deste Ciclo de debate sobre a enerxía eólica e os seus impactos sobre o territorio celebrarase o mércores, 5 de maio, ás 19:30 horas e poderá visualizarse en directivo desde a páxina web de ADEGA ou a súa canle de Youtube. As palestras desta mesa serán pronunciadas por:

  • Xabier Moure, Patrimonio dos Ancares.
  • Aurora grandal, paleontóloga da UDC.
  • Pilar Sánchez, O Sorriso de Daniel.
  • Luis Leclere, Colectivo A Rula.
Modera: Xiana Iglesias, ADEGA.

Mesa 12 maio: Impactos sobre a Biodiversidade

O 12 de maio terá lugar no mesmo sitio e hora que a anterior mesa aquela destinada a avaliar as ameazadas desta nova enxurrada eólica sobre a biodiversidade, sobre hábitats e especies de valor singular ou sobre as áreas da rede europea de espazos protexidos Rede Natura. Participarán neste encontro:

  • Óscar Rivas, Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO).
  • Roberto Hermida, Morcegos de Galicia.
  • Óscar Chao, Proxecto Rebinxe.
  • Ernesto Díaz, Plataforma en Defensa da Cordilleira Cantábrica.
Modera: Lucía Álvarez, ADEGA.

Mesa 19 maio: Impacto Socioeconómico

Nesta xornada poranse sobre a mesa algúns impactos que xa se poden dar sobre certas actividades económicas ou formas de vida que se están a desenvolver no rural e na costa. Alén disto, abordarase a repercusión que está vaga eólica está a ter nas propiedades e dereitos das comunidades de montes. Tamén participará o Observatorio Eólico Galego (OEGA), autor da guía para propietarios/as de terreos eólicos. Intervirán nesta mesa:

  • Xavier Simón, Observatorio Eólico de Galicia (OEGA).
  • Margarita Camba, Bierzo Aire Limpo.
  • Xosé Alfredo Pereira, ORGACCMM.
  • Vitoria Fernández-Armesto, Casa Grande de Xanceda.
Modera: Froilán Pallín, ADEGA.

Mesa 26 maio: Colectivos de Afectados/as

A sociedade galega está a reaxir na defensa do territorio. Cada vez son máis os particulares e as comunidades veciñais ou locais que alzan a súa voz en contra deste modelo de implantación eólica. Con este propósito, naceron nos últimos meses numerosos colectivos, redes e plataformas de afectados/as que tamén estarán representadas neste Ciclo a través de:

  • Carlos Penedo, Rede Galega por Un Rural Vivo.
  • Alexandre Cendón, Asemblea do Suído.
  • Araceli Macías, Rural Mutante.
  • Ariadna Fergón, veciña afectada polos eólicos de Lalín.
Modera: Belén Rodríguez, ADEGA.

Mesa 2 de xuño: Grupos políticos

O peche das xornadas terá lugar o mércores, 2 de xuño, na Semana do Medio Ambiente, na que participarán distintas forzas políticas con representación nas institucións galegas para exponer as súas posturas ao respecto da actual vaga eólica e as súas repercusións sobre o territorio galego:

  • Marta Novoa, Voceira de Enerxía do Grupo Parlamentario do PP.
  • Noa Presas, Voceira de Enerxía do Grupo Parlamentario do BNG.
  • Pablo Arangüena, Voceiro de Medio de Ambiente do Grupo Parlamentario do PSdG.
  • Antón Sánchez, Voceiro Nacional de ANOVA.
Modera: Verónica Torrijos, ADEGA.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal