ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Delirio eólico en Trevinca: construir 38 km de...

25-03-2021

Delirio eólico en Trevinca: construir 38 km de autovía e 29 campos de fútbol no teito de Galiza

A actual burbulla eólica está a acadar dimensións delirantes. Entre a enxurrada de parques tramitados pola Xunta hai que engadir unha boa presada doutros que tramita o Estado (os de máis de 50MW). Entre estes figura un novo proxecto, o parque eólico "Alto Cabrera", promovido por ENEL Green Power, que pretende instalar 29 aeroxeradores de 6 MW e 200 m de alto sobre as montañas de Trevinca, o Eixe e A Cabrera, entre Galiza e León.
Semellantes máquinas precisan da apertura e afirmado de máis de 38 km de pistas cun ancho total de 16 m, equivalente a unha autovía. O tamaño das máquinas condiciona tamén a construción doutras tantas plataformas (29) para acoller os alicerces de formigón (de 25 m de diámetro) situados sobre esplanadas de case 1 hectárea, máis que un campo de fútbol. A isto hai que engadir ducias quilómetros de gabias para as conducións soterradas e de liñas de alta tensión para evacuar a enerxía... Unha grande operación industrial sobre uns hábitats naturais de alta montaña de enorme valor e fraxilidade.

Directivas de Hábitats, de Aves, Convenios da Paisaxe, Carta Europea das Montañas... Todo papel mollado!

Os impactos sobre o territorio destas infraestruturas son catastróficos. Milleiros de metros cadrados de hábitats de interes europeo e prioritarios, cuxa protección consagra a Directiva 92/43 CEE (de Hábitats) serán eliminados.
Especies como a aguia real, a cobreira, outras rapinas esteparias, ou perdiz charrela teñen mestas montañas importantes núcleos reprodutores. Réptiles endémicos moi ameazados ou mamíferos como o oso, ou o lobo teñen nestas serras o seu hábitat ou área de expansión, ou úsanas como corredores ecolóxicos, caso do lince ibérico.
A degradación do territorio que producen estes megaparques colide cos compromisos internacionais asinados polo Estado para a protección da paisaxe e particularmente dos hábitats montañosos. Estes espazos resultan chave para a loita contra a mudanza climática polo seu papel fixador de C, e para aumentar a capacidade de resiliencia como reguladores do ciclo hídrico. A súa protección está garantida pola lei (art. 21 da Lei 42/2007 do Patrimonio Natural), mesmo aínda que non estean incluídos como no caso galego, dentro dalgún espazo protexido.

A nova burbulla das renovábeis: o capitalismo pretende tinguirse de verde

Tanto en Galiza como no Estado, a planificación eólica é caduca ou está orientada exclusivamente por criterios empresariais. No caso galego, o Plano Sectorial Eólico aprobado en 1997 e reformado en 2002, está tan desfasado que nen sequera considera a Rede Natura 2000, carece de zonas de exclusión e non pasou unha avaliación ambiental estratéxica. É urxente pois unha reforma profunda, previa moratoria, para integrar criterios de sustentabilidade ambiental e social, e non ser o que é hoxe: unha ferramenta para o reparto da "torta eólica" entre as empresas eléctricas.
Polo que atinxe ao Estado, tampouco existe unha planificación sectorial para as enerxías renovábeis que máis aló do modelo produtivista, atenda ás características e necesidades do territorio e integre criterios de sustentabilidade e eficiencia.
Semella que todo vale para aumentar a xeración eléctrica renovábel, esquecendo o aforro e a suficiencia. Coa excusa da transición enerxética cara a neutralidade climática, o que está a acontecer é un desenvolvemento desordeado da renovábeis, unha carreira por poñer no mercado cada vez máis "enerxía verde" que só beneficia ás empresas, esquecendo os custos sociais e ambientais que está a provocar esta nova burbulla.

En moitos casos, como acontece con este delirante proxecto, a xustificación das promotoras para arrasar con paisaxes, hábitats e especies únicas, é a de cumprir cos obxectivos de redución de gases de efecto invernadoiro. Porén, a degradación destes ecosistemas naturais, particularmente nas áreas de montaña (brañas, turbeiras e zonas húmidas), alén das alteracións nas cabeceiras dos ríos, lesiona permanentemente a súa capacidade para fixar C -moi superior á dos bosques- e conservar a auga, resultando nunha perda de resiliencia fronte ao quecemento global.

As administracións non deberían delegar a loita contra o cambio climático nas mesmas corporacións que en grande medida foron responsábeis de provocala, porque o seu obxectivo prioritario foi e segue sendo o seu beneficio e non o do planeta.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal