ADEGA

Inicio / Novas / Todas / O Concello de Lugo tramita un plan urbanístico...

15-03-2021

O Concello de Lugo tramita un plan urbanístico lesivo co río Rato, preto de onde promove un barrio ecolóxico

Co fin de obter o visto bo do departamento de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, o plan que se está a tramitar presenta o ámbito afectado como unha zona degradada e sen interese, cando a realidade ten un setenta por cento da súa superficie ocupada por formacións naturais de bosques autóctonos e de prados naturais e seminaturais, omitindo de forma interesada a existencia de elementos de valor ambiental -sobre os que se propoñen rúas e zonas edificables e de aparcadoiro-: varias zonas húmidas -unha charca de carácter permanente, de case 600 m2 de superficie, e outra de case 200 m2, de carácter estacional-, varios regos na parte máis alta do ámbito-, masas de arborado autóctono que forman parte de hábitats forestais considerados de protección prioritaria pola normativa europea -bosques de ribeira e pantanosos (hábitat 91EO*), cunha ocupación próxima ás cinco hectáreas dentro do sector, e Carballeiras Galaico-Portuquesas (hábitat 9230), cunha superficie de mais de 8 hectáreas-, etc.

A proposta urbanística en tramitación tamén frustra o obxectivo, establecido no Plan Estratéxico de Lugo, de constituír un parque ou zona verde continua que rodee toda a cidade -"Cinturon verde"-, obxectivo que require asegurar a posibilidade de conexión entre os sistemas de espazos libres existentes ou previstos polo PXOM a longo dos ríos Miño e Rato, salvando a divisoria entre as súas respectivas bacías. A día de hoxe, o punto máis axeitado e viable para acadar esta conexión situase nas proximidades -ao sur- da rotonda elíptica do Polígono de O Ceao, posibilidade que a dita proposta malogra.  


Un plan contra a racionalidade e a sustentabilidade ambiental

Na cidade de Lugo existen máis de 125 hectáreas de solo para actividades empresariais con planificación xa aprobada (delas máis de corenta nas que se poden implantar actividades sen máis requisito que o de pedir a correspondentes autorización urbanísticas e, se acaso, ambientais), principalmente no parque empresarial de as Gándaras, no Polígono de O Ceao e nas expansións deste ao longo da Avda. Benigno Rivera e a N-VI.

Nesta conxuntura, a creación dunha nova urbanización para fins industriais -sector S-5.I- vai en contra da racionalidade e a sustentabilidade ambiental do Concello, máxime cando para a súa execución se sacrificarían os elementos naturais anteditos e varias fontes que alimentan unha das cabeceiras do río Rato, canle fluvial moi necesitada de actuacións de recuperación ecolóxica, tras décadas sorrindo os efectos negativos derivados das actuacións urbanísticas desenvoltas na súa contorna (creación do polígono de O Ceao, execución da rede de evacuación das augas deste polígono -rede á que se filtra parte do caudal do río-, eliminación de afluentes por varios recheos e urbanizacións, etc.). 

Outros aspectos que destacan as asociacións alegantes son: a singular orografía do ámbito, en forma de depresión con varias valgadas de apreciables pendentes lle confire unha alta calidade acústica e potencialidade como corredor ecolóxico, dificultando, pola contra, a instalación de naves de grande tamaño e a integración paisaxística da actuación; o beneficioso efecto amortecedor do ruído que o ámbito está a desempeñar actualmente (ao situarse entre o Polígono de O Ceao e as áreas residenciais existentes ou previstas ao sur), efecto que se perdería en grande medida coa desaparición da meirande parte das masas arbóreas existentes, como consecuencia da urbanización; e as importantes afeccións por inundabilidade na parte sur do sector.

Colaboracionismo entre o Concello e a promotora do plan

Os colectivos ecoloxistas amosan a súa preocupación polo desenvolvemento urbanístico deste ámbito, xa que a promotora -Avento Consultores Inmobiliarios S.L.- é a sucesora da desaparecida promotora CINUR S.L., cuxa falta de conciencia ambiental quedou acreditada no ano 2008, co gallo da urbanización residencial realizada pola mesma ao sur do centro comercial de As Termas, na que  eliminou o afluente do Rato que percorría estes terreos, non tendo constancia que obtivera os preceptivos informes da Confederación.              

Asimesmo, as asociacións alegantes ven indicios de colaboracionismo do concello de Lugo coa promotora do plan, no desenvolvemento urbanístico deste e doutros ámbitos urbanizables de iniciativa particular nos que aquela se atopa interesada (sectores residenciais inmediatos ao sector S-5.I afectados polo proxecto municipal de "Barrio Multiecolóxico" -encargado inicialmente a AVENTO-, sector S-14.R próximo ao recinto feiral,...), trasladándose en distintas intervencións públicas de responsables municipais a idea -errónea- de que os respectivos plans resultan inevitables e de que se poden tramitar e saír adiante coa oposición dos actuais propietarios, todo isto cunha intencionalidade ben evidente (favorecer a transmisión de terreos á citada mercantil polos actuais propietarios).


A paradoxa do barrio multiecolóxico

A criterio das ditas Asociacións non só resulta paradóxico que un Concello poida apoiar simultaneamente un barrio residencial que pretende ser "multiecolóxico" e unha urbanización industrial pegada ao mesmo e para a que se farían desaparecer uns elementos que contribuirían en maior medida á calidade ambiental dese futuro barrio, senón que ambas actuacións -desenvolvemento do sector S-5.I e barrio "multiecolóxico"- exemplifican as políticas urbanísticas imperantes no Concello de Lugo desde hai décadas, -caracterizadas pola renuncia do goberno municipal ao papel director que lle corresponde na planificación urbanística e a asunción do papel de simple "correa de transmisión" e facilitador dos intereses dos grandes operadores inmobiliarios da cidade-, o que explica que tales políticas segan instaladas nun modelo de crecemento urbano indefinido, totalmente impermeable ás directrices emanadas do contexto lexislativo estatal e europeo, as cales avogan pola rexeneración dos barrios existentes e o freo da expansión indiscriminada.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal