16-02-2021
Os datos oficiais dos censos de lobo indican que nas últimas décadas a poboación desta especie en Galiza está estancada, e desacreditan que a súa poboación teña experimentado un incremento no noso territorio, por moito que se insista no contrario. E o Ditame do Comité Científico do Ministerio de Transición Ecolóxica recomenda a inclusión de todas elas no Listado de Especies Silvestres en réxime de Protección Especial.
ADEGA está convencida de que a inclusión do lobo na LESRPE será positiva para a protección da especie, o cal non ten por que resultar negativa para as explotacións gandeiras sempre e cando a Administración asuma a súa responsabilidade de propiciar recursos e instrumentos necesarios e axeitados para tal fin. Ademais, despois de décadas de caza (legal e ilegal) do lobo en Galiza fica demostrado que esta medida resultou infrutuosa para solucionar o problema.
A incorporación no Listado LESRPE resulta preciso para proporcionar un mellor marco normativo que protexa a especie, pois a actual xestión que dela se fai en Galiza para nada é exemplar e, pola contra, ofrece dous balances moi negativos.
Existen comportamentos alarmantes que quedan nunha impunidade total por quen comete este delito (caza ilegal en esperas específicas, caza ilegal durante batidas de xabaril e raposo, lazos, velenos). Dende ADEGA estimamos que anualmente se matan entre 200 e 300 exemplares pola caza furtiva, tantos como virían nacendo.
Nos 87 controis de caza de lobo que a Xunta autorizou entre o anos 2006 e 2019 abatéronse 17 exemplares e a última batida na que se deu morte a un lobo foi en 2013 (ver cadro 1). Cabe pensar pois que, ou ben non hai tantos lobos como a Xunta di, ou que a caza furtiva campa ás súas anchas e pouco, ou nada, fai a Xunta para evitalo. Ambas hipóteses tamén poderían ser certas.... Por iso, tamén aquí en Galiza, onde non hai caza de trofeos nin cupo de aproveitamento de lobo, a inclusión da especie no Listado resulta necesaria
Lamentablemente, os sindicatos agrarios e colectivos de cazadores que reclaman seguir cazando o lobo e afirman que a protección actual da especie en Galiza é a idónea tamén manteñen un absoluto silencio sobre a crúa realidade da caza furtiva da especie.
Unha das principais novidades que incorpora o cambio do estatus legal do lobo é, precisamente, que permitirá loitar de xeito máis contundente contra esta inadmisible impunidade da caza furtiva. Matar un lobo sen autorización considerarase un delito penal (recollido no artigo 334 do Código Penal) o que podería implicar penas de cárcere de entre seis meses a dous anos. Quen practique o furtivismo, colabore, fomente ou oculte este tipo de prácticas debe saber que estas prácticas terán duras consecuencias penais.
Eis aquí onde radica a verdadeira polémica xerada ao redor do lobo. O problema non é o lobo en si mesmo, pois este forma parte do noso patrimonio natural e é un legado que debemos preservar nas mellores condicións. No fondo da cuestión radica a ausencia dunha Administración que esquiva a súa responsabilidade de proporcionar instrumentos e medidas suficientes e efectivas nesta materia. Esta debería ser a principal esixencia daqueles que rexeitan tan enerxicamente que o lobo deixe de ser especie cazábel.
O investimento destinado pola Xunta para a indemnizacións de danos por ataques de lobo desde o ano 2004 ata o día de hoxe ilustra claramente o cativo esforzo que fai a Administración autonómica para proporcionar solucións efectivas e atender as necesidades das explotacións gandeiras expostas a esta problemática.
Dende ADEGA tiramos as seguintes conclusións a partir das ordes de axudas por danos e por prevención aprobadas pola Xunta:
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal