ADEGA

Inicio / Novas / Todas / O lobo deixará de ser cazábel tamén en Galiza!

04-02-2021

O lobo deixará de ser cazábel tamén en Galiza!

ADEGA cualifica de histórica a decisión da Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e de Biodiversidade que aprobou incluír o lobo na Lista de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial, o que suporía que a especie deixase de ser cazábel tamén en Galiza. E parabeniza á Asociación para a Conservación e Estudo do Lobo Ibérico (ASCEL) que promoveu a petición diante do Ministerio que procura homoxenizar o estatus de protección da especie en todo oEstado español, atendendo ao ditame do Comité científico do propio Ministerio. Neste ditame recomendáse unha maior protección do lobo ibérico en toda a Península "pola súa importancia como patrimonio cultural, científico e polos servizos ambientais que a especie repercute nos ecosistemas naturais". 

Malia ao rexeitamento da medida por parte dalgúns gobernos autonómicos do norte da Península, incluído o da Xunta de Galiza, a proposta saiu adiante con 9 votos a favor fronte 8 en contra. Agora tócalle ao Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico aplicar tal decisión e tramitar o recoñecemento deste novo status de protección do lobo e a posterior revisión da estratexia de xestión e conservación do lobo no Estado, que actualice a de 2005.

A inclusión do lobo no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial en todo o Estado, tamén ao norte do Douro, obrigará á Xunta, malia a súa forte oposición, a reformular o Plan de Xestión de Galiza para establecer novas e máis severas medidas de protección do lobo en territorio galego.
 
Lembremos que hai uns meses a Xunta remitira ao Ministerio de Transición Ecolóxica unha carta de rexeitamento fronte a elevación do status de protección do lobo, baseándose en argumentos que ADEGA cualificou de reprobables tecnicamente  e parcialmente sesgados. No devandito escrito, a Xunta argüía, entre outros motivos, que a pobooación de lobo en Galiza tiña aumentado de forma significativa (cando o ditame científico do Ministerio para o sexenio 2013-2018 di o contrario) ou que a especie era a causante da desaparición de razas de gando autóctonas. 

Pola súa banda, ADEGA tamén achegou unha misiva ao Ministerio de Transición Ecolóxica o pasado mes de novembro para rebatir os argumentos da Xunta e ofrecer unha visión máis achegada á realidade do estado da poboación de lobo en Galiza dos seus problemas de xestión.

Precisamente no día de onte, ADEGA recibía un escrito de agradecemento do Director Xeralde Biodiversidade, Bosques e Desertificación, do Ministerio de Transición Ecolóxica, Jorge Luís Marquínez, por termos remitido o devandito informe que, asegurou, será tomado en consideración de cara a futuras actuacións co lobo ibérico. En canto á inclusión do lobo no LESPRE, o director xeral indicaba que o Ministerio xa estaba a desenvolver os trámites administrativos establecidos na normativa vixente e que esperaba "poder culminar dita tramitación o antes posible".

Agardemos que o Ministerio de Transición Ecolóxica faga honra ao seu nome e se manteña firme no desafío, seguindo o ditame do seu propio comité científico, co apoio das organizacións conservacionistas de todo o país e agora tamén da Comisión Estatal de Patrimonio Natural. O goberno estatal ten a obriga de protexer e situar o lobo ibérico no lugar que lle corresponde.

Parabéns!!!

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal