ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA apoia as ANPAS do Courel, Baamonde, Baralha...

04-02-2021

ADEGA apoia as ANPAS do Courel, Baamonde, Baralha e Navia

Desde ADEGA queremos mostrar o noso apoio a luita de pais e mais por manter o rural vivo. Rexeitamos a política de acoso a que a Xunta de Galiza os está a submeter nos difrentes aspectos en que dificulta a sua educación perto da casa.

No caso do Courel eliminando un transporte que se viña mostrando eficaz, barato e beneficioso para as aldeias e para o alunado. Cubre as rutas por medio de taxis rurais da maneira mais curta posíbel. A Xunta pretende licitar o transporte para que empresas de calquera lugar podan optar a este. Mas o que semella transparencia non é tal. O transporte actual é feito por autónomos habitantes do municipio con taxis furgonetas de até 9 asentos. Existen seis rotas para facilitar a recollida dos “ninos”, de xeito a facer que estes/as pasen o menor tempo posíbel no camiño a escola. Había un acordo estabelecido entre a veciñanza que semella satisfactorio para as partes. Pois aínda cría 6 postos de traballo nun lugar onde este non abunda. Coa licitación pódese dar o caso que unha empresa grande, con amizades na Xunta, arrisque a perder diñeiro nos primeiros momentos até eliminar toda competencia. Logo xa porá ela súas condicións. As que propón a Xunta son xa bastante prexudiciais para as crianzas, pois implicaría aumentar muito os tempos da viaxe e os quilómetros percorridos.

As familias que habitan nas montañas deben ser favorecidas e axudadas polos poderes públicos. Coa sua permanencia no territorio están a facer un traballo importantísimo. Evitar o despoboamento do rural debera ser un dos obxectivos do milenio. Desde o ponto de vista ambiental esta veciñanza axuda a garantir os servizos ecolóxicos do mantemento de estruturas e formacións, como sucalcos que evitan a erosión, muros de pedra que nos falan dos vellos camiños, aldeas adaptadas ao duro clima que nos falan das estratexias habitacionais compatíbeis có ambiente, prácticas agrícolas que preservan a cultura tradicional e, sobre todo, no Courel a cultura da castaña, que produciu os magníficos soutos que alimentaran a tanta xente nun pasado aínda recente.

O Courel non é soamente terra e paisaxe. Tamén é poesía, literatura, cultura e natureza. O Courel é a cerna da Galiza. Unha xoia que debera ser protexida e seus habitantes seren premiados pola nos render.

A Xunta quere arrasar con todo para que o territorio fique baleiro de habitantes. Desta maneira pode ser pasto de macroindustrias, como as eólicas, mineiras, ou eucalipteiras con nacionalidade Noruegueses, americanas, ou chinesas. Observamos como os ex-políticos facilitadores deste espolio están hoxe ocupando as poltronas das empresas eléctricas e outras multinacionais. Os habitantes que aínda fican ocupando ese espazo, son os últimos guerreiros na defensa da Terra.

ADEGA  quere, por iso, manifestar seu apoio a estas bravas mais, os pais e as crianzas que xa aprenden que o lar ten que ser defendido. Marabillosa lección. Igualmente reclamamos que o CEIP de Baamonde continúe para dar servizo ao alumnado da zona, evitando o desarraigo e aumentando as dificultades das crianzas que habitan no rural para teren dereito a educación, e aínda chamamos a atención por Baralha e pola Pobra de Navia de Suarna que tamén está afectada por estas regulacións. Planes feitos desde un despacho ignoran a realidade do país e son insensíbeis e inxustas cós habitantes do rural, nomeadamente quen habita as nosas montañas.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal