ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA únese á plataforma estatal ALIENTE para...

03-02-2021

ADEGA únese á plataforma estatal ALIENTE para defender a biodiversidade fronte as renovábeis a grande escala

Máis de 250 científicos/as esixen ao goberno español 13 medidas para garantir a conservación da biodiversidade


A cidadanía, co apoio da comunidade científica en España, únese na defensa da biodiversidade fronte ás renovábeis a grande escala. 

80 entidades e plataformas do Estado español, entre as que se atopa ADEGA, únense na Alianza Energía y Territorio (ALIENTE), para propoñer unha transición enerxética xusta e presentan co apoio de máis de 250 científicos/as un documento de 13 medidas para garantir a conservación da biodiversidade, a paisaxe e o desenvolvemento dun modelo enerxético distribuído e xusto.

O desenvolvemento masivos, sobredimensionado, sen planificar nin avaliar de instalacións renovábeis a grande escala, en ausencia de políticas efectivas de aforro e eficiencia da enerxía, está supoñendo un grave risco con consecuencias irreversíbeis para a conservación da biodiversidade e a paisaxe do noso territorio, ademais de comprometer os servizos que a biodiversidade nos brinda, entre eles a protección da saúde.

ALIENTE, co sólido apoio de investigadoras e investigadores expertos en biodiversidade avoga por realizar unha adecuada planificación con áreas de exclusión legalmente vinculantes para a instalación de enerxía renovábel a grande escala, mellorar o proceso de avaliación ambiental actual para que sexa independente e efectivo, así como apostar por un modelo distribuído como alternativa á ameaza que supón o actual modelo de Transición Enerxética.

Danos sobre a biodiversidade

O desenvolvemento masivo, sobredimensionado, sen planificación nin avaliación correctas das instalacións renovábeis producen danos severos, como:

- O impacto dos parques eólicos que son causa directa da mortaldade de milleiros de aves e quirópteros en áreas de elevado valor paisaxístico. 

- A proliferación de grandes industrias fotovoltaicas que ameazan, ocupan e destrúen amplas extensións de áreas de cultivo, pasteiros e estepas naturais de grande importancia. 

- O impacto da infraestrutura eléctrica accesoria como subestacións, liñas de alta tensión para a evacuación e transporte da electricidade e demais proxectos de interconexión eléctrica transfronteirizos, que reparten impactos ao longo de toda a xeografía.

- A mortaldade de moitas especies, a redución e fragmentación dos hábitats, a perda de solo e erosión, de cuberta vexetal, a diminución da retención de auga e o cambio das condicións climáticas na contorna das instalacións.

13 medidas para garantir a conservación da biodiversidade

Así pois, para garantir a conservación da biodiversidade, a “Alianza Energía y Territorio” pide a posta en marcha de 13 medidas, que inclúen a necesidade de facer unha planificación sinérxica do territorio con áreas de exclusión legalmente vinculantes para a instalación de enerxía a grande escala; ampliar e completar a Rede Natura 2000 cumprindo coas esixencias da Unión Europea ao Estado español; unha catalogación das especies afectadas en coherencia co seu estado real de conservación para a avaliación correcta dos impactos así como garantir a independencia e a rigorosidade das Avaliacións de Impacto Ambiental e procedementos ambientais aplicando criterios científicos.

O grande respaldo científico a estas medidas aclamadas por ALIENTE indica que hai un sólido acordo entre a comunidade científica arredor do impacto das renovábeis a grande escala sobre a biodiversidade tal e como se está implantando na actualidade.

Se non se planifica urxente e adecuadamente o desenvolvemento das renovábeis, o impacto sobre a biodiversidade e a paisaxe será irreversíbel.

Durante o desenvolvemento da transición enerxética ás renovábeis, as entidades que conforman a “Alianza Energía y Territorio”, ALIENTE, reclaman aos Gobernos central e autonómicos a posta en marcha destas medidas para garantir a conservación da biodiversidade, a paisaxe e o desenvolvemento dun modelo enerxético distribuído e xusto.

*Acompáñase carta de presentación de ALIENTE coa lista de colectivos integrantes, así como o manifesto "Por una transición energética a las renovables que garantice la conservación de la biodiversidad" asinado por máis de 250 científicos/as.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal