05-01-2021
ADEGA vén de presentar alegacións contra a ampliación da autoestrada AG-59, no treito que pretende unir A Ramallosa co concello da Estrada. Este trazado afecta ao espazo natural protexido como Zona de especial conservación (ZEC) do “Sistema Fluvial Ulla-Deza”, forma parte da Rede Natura 2000, e sitúase a escasos 600 m de “A Burga”, outro espazo catalogado como Lugar de Interese Comunitario (LIC).
O impacto ambiental desta infraestrutura sería permanente sobre os hábitats especialmente protexidos neste espazo protexido, como son os bosques aluviais (Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior ‘[código UE 91 E0]*, Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae); carballeiras galaico-portuguesas (Quercus robur e Quercus pyrenaica); e outros hábitats de especial interese como os ríos dos pisos basal a montano con vexetación de Ranunculion fluitantis e de Callitricho-Batrachion, ou pasteiros xerofíticos mediterráneos de vivaces e anuais (Código 6220). Así pois, este vial incumpre as esixencias establecidas na normativa europea (Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992) relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, e a Lei estatal 42/2007, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, que impón a obriga xurídica de evitar o deterioro dos lugares da Rede Natura 2000, contribuíndo a deter a perda de biodiversidade.
ADEGA detectou a presenza de ata 101 especies vexetais e animais tan só nunha pequena parte da área afectada, situada na contorna do río Vea. Destas, 72 foron identificadas no lugar pola asociación ecoloxista en tan só 4 horas de traballo de campo. Neste traballo tamén se constatou a presenza de 24 especies máis das que se refiren no estudo de impacto ambiental (EIA) do proxecto, co que a avaliación ambiental do proxecto é incompleta e pouco rigorosa, pois non incorporara algunhas especies protexidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e vulnerables como é o caso do fento Dryopteris guanchica, Narcissus cyclamineus, ou do morcego pequeno de ferradura (Rhinolophus hipposideros), incluído na lista internacional para a Conservación da natureza (UICN) como especie case ameazada (NT). A Universidade de Santiago de Compostela tamén ten constatado na zona fluvial de afectación a presenza das tres especies de mexillón de río incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Unio delphinus e Potomida litoralis, Margaritifera margaritifera), das que unha está en perigo de extinción (Margaritifera margaritifera).
Na área na que se pretende construír un viaduto sobre os ríos Ulla e Vea desenvolvéronse dous proxectos europeos para a conservación da biodiversidade e a recuperación de especies especialmente vulnerables para cuxos obxectivos a construción desta nova infraestrutura resulta contraproducente e incompatible. Un deles foi o proxecto de custodia do territorio desenvolvido en 2011 -2013 polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR 20) para a creación dunha rede de custodia fluvial nas bacías do Ulla-Umia-Lérez e a Ruta dos Muíños do río Vea, financiado con Fondos FEADER. Outro foi o proxecto europeo de investigación Life Margal Ulla cuxo obxectivo se centraba en mellorar o hábitat e favorecer a conservación do mexillón de río, desenvolvido no período 2010 – 2015 baixo a coordinación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Que sentido ten investir cartos públicos en proxectos de conservación e mellora da biodiversidade se posteriormente a administración promove infraestruturas que destrúen o hábitat? Por tanto, ademais de toda a perda ambiental, a autoestrada AG-59 tamén suporía botar a perder recursos económicos públicos, e só para aforrar aproximadamente 5 minutos nun traxecto de 7,5 quilómetros.
ADEGA avoga por que se estuden outras alternativas para diminuír o tráfico no traxecto de Santiago-A Estrada, como reducir ou quitar as peaxes da autopista AP-9 no treito Cuntis-Vilagarcía-Pontevedra; aproveitar outras estradas e pontes xa construídas, fomentar o transporte público como medida chave para reducir a pegada ecolóxica,... entre as múltiples opcións que existen menos prexudiciais para o medio ambiente.
ADEGA xunto a outros colectivos que forman parte da Plataforma Voces do Ulla (Amabul, Amigos da Terra, APDR, A Xesteira, Asoc. Victimas da Xustiza, Casa colorida, colectivo Agrocuir da Ulloa, Ecolectivo, Ecologistas en Acción, Mina Touro- O pino Non, Nais polo clima, Plataforma Pola Recuperación Do Sar, Plataforma pola convivencia ética coa fauna silvestre “Con-Ética”, Sustinea, Verdegaia), pedimos e esiximos á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia a retirada deste plan de ampliación da autovía AG-59, en cumprimento da lexislación ambiental e dos obxectivos da axenda 2030 de desenvolvemento sostible (ODS) da que formamos parte. Tamén facemos un chamado ao Ministerio de Transición Ecolóxica e á UE para que non permitan nin acepten o impacto socioambiental desta obra.
Contacto Voces do Ulla: vocesdoulla@gmail.com
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal