ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA únese a Voces do Ulla para denunciar a...

26-12-2020

ADEGA únese a Voces do Ulla para denunciar a ampliación da autoestrada AG-59

A asociación ecoloxista ADEGA, xunto con outros colectivos ecoloxistas(Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Verdegaia, AMABUL, Asociación A Xesteira, Sustinea) apoia o comunicado de Voces do Ulla en repulsa ao desastre ambiental da innecesaria AMPLIACIÓN DA AUTOVÍA AG-59, de 7,5km por 48 millóns de custe que pasa polo Río Ulla e arredores, por unha área ZEC da Rede Natura 2000 da Unión Europea.

Actualmente o estudo do impacto ambiental atópase en consulta pública ata o 4 de xaneiro de 2021, durante o cal ADEGA ten previsto presentar alegacións. A continuación, expomos os motivos fundamentados polos que rexeitamos esta infraestrutura tan dañina para a biodiversidade, o hábitat e a comunidade local:

1. O dano irreparable dunha zona autóctona, de gran beleza paisaxística, fluvial e botánica, Zona de Especial Conservación (ZEC) do “SISTEMA FLUVIAL ULLA-DEZA”, declarada o 31 de marzo de 2014, polo Decreto 37/2014, formando parte da REDE NATURA 2000 e a 600 metros de “A Burga” catalogada como LIC (Lugar de Interese Comunitario). Construindo un viaduto de 40 metros con 4 carrís e un paso inferior, perxudicarían irreversiblemente á biodiversidade e os seres vivos de hábitats ESPECIALMENTE protexidos como os bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior, Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae; Carballeiras galaico-portugueses con Quercus robur e Quercus pyrenaica; e ríos dos pisos basal a montano con vexetación de Ranunculion fluitantis e de Callitricho-Batrachion, ademais de moitas especies protexidas que se poden atopar na Directiva Hábitat, mencionando tamén o mexilón e o salmón de río de gran relevancia para a zona, entre outras. Construir esta autovía é incumprir ás esixencias establecidas na normativa estatal e europea, Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, e a Lei 42/2007, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, que impón a obriga xurídica de evitar o deterioro dos lugares da Rede Natura 2000, contribuíndo a deter a perda de biodiversidade.

Tamén os viadutos polo río Vea e Santa Lucía con varios pasos inferiores e superiores, pasarán por numerosos roteiros e espazos naturais da zona como a Ruta dos Muiños do Río Vea, en Couso (o viaducto pasaría por riba de 10 muiños) e outras de gran valor cultural e patrimonio histórico.

Aplicarase a defensa e conservación do patrimonio no caso de aprobarse este proxecto? Por suposto que non!

2. A urxente crise climática que nos obriga a repensar a utilización dos recursos limitados nun planeta finito. Entre os dous tramos (Ramallosa - Pontevea AC-241 e ata O Rollo co enlace PO-841) a actuación inclúe 15 novas estruturas: viaduto do río Ulla, viaduto do río Vea, viaduto de Santa Lucía, 7 pasos inferiores, 3 pasos superiores e 2 muros.

No estudo de impacto ambiental, opaco e insuficiente, alegan que a magnitude de emisións de gases de efecto invernadoiro producido pola maquinaria e material utilizado na construción será detallado tras a súa realización... Como é iso posible nunha análise do impacto ambiental? Non dubidamos da alta porcentaxe de emisións, de contaminación acústica, atmosférica e terrestre que producirán estas obras.

Os recursos esgótanse...Que lle vamos deixar as futuras xeracións?

3. A existencia dunhas infraestructuras actuais suficientes, xa que a diferenza no traxecto de Santiago ata A Estrada tras toda esta inversión (material, económica, ambiental e humana) calcúlase nun aforro aproximado de 5 minutos en 7,5 kilómetros que pasarían por parte do rural dos Concellos de Teo e da Estrada, entre as provincias de A Coruña e Pontevedra. Poderían estudarse outras alternativas para diminuír o tráfico, como reducir ou quitar os peaxes da autopista AP-9 para os vehículos que van dirección Cuntis-Vilagarcía-Pontevedra; aproveitar outras estradas e pontes xa construídas; fomentar o transporte público e colectivizar o transporte como medida clave para reducir a pegada ecolóxica... entre as múltiples opcións que existen menos dañinas para o medio. Recordamos que todo o Concello da Estrada só ten 20.479 habitantes dos cales unha % moi pouco representativa fai un traxecto diario a Santiago de Compostela.

4. O crecente despoboamento rural galego debido, entre moitas outras cousas, ás insistentes planificacións de estradas que conectan urbes e esquecen e apartan o centro da vida: o rural coas evidentes consecuencias na economía local da zona.

5. O coidado dos montes e os ríos galegos, esenciais para a vida humana, sendo esta zona de monte autóctono e beleza indescriptible, sobrevivindo ata agora á eucaliptización masiva, aos lumes e a creación de estradas non prioritarias. Que pasa coa Galicia verde da que tanto falamos? Que quedará dos nosos montes? Como afectará á calidade da auga do río e o resto de especies protexidas estas construcións?

6. A innecesaria e absurda inversión de millóns de cartos en tempos de crise que poden ser utilizados en medidas para adaptarse ao cambio climático, en apoiar ás familias en situación de vulnerabilidade, en apoiar a economía rural sostible, en xerar empregos verdes, en Sanidade ou en Educación… en ámbitos da Vida realmente esenciais e fundamentais.

7. A débeda ecolóxica dos países industrializados cos países do Sur Global. A pegada de carbono e a desigualdade entre os países do Norte e do Sur no acceso e distribución dos recursos require cederlle espazos e privilexios a países empobrecidos na mellora das súas infraestruturas coa activa e firme responsabilidade ambiental dos países do Norte. Vamos investir 48 millóns e destruir unha zona protexida por aforrar 5 minutos de traxecto cando hai países que fan 20 km en dúas horas? Como chamar a solidariedade en tempos de crise?

Con isto pedimos e esiximos á Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia a retirada deste plan de ampliación da autovía AG59, dacorde aos obxectivos da axenda 2030 de desenvolvemento sostible (ODS) dos que formamos parte e facendo un chamado ao Ministerio de Transición Ecolóxica e as políticas ambientais da Unión Europea que non poden permitir nin aceptar o impacto socioambiental desta obra.

Así mesmo, durante este período sométese a trámite de información pública o estudo de impacto ambiental do dito proxecto, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental. Aproveitamos este trámite de consulta pública ata o 4 de xaneiro para DENUNCIAR E REXEITAR esta masacre, lanzar este comunicado co apoio de entidades ambientais, ecoloxistas, sociais e culturais e recollendo firmas e sinaturas en contra da ampliación da autovía AG59.

ÚNETE E DIFUNDE! Pola vida, por Galicia, polo Río Ulla, polas futuras xeracións!

Únete a Voces do Ulla!

Pedimos máxima colaboración e difusión. Para formar parte deste comunicado como colectivo ou unirte a plataforma #StopAmpliacionAG59 escribe a vocesdoulla@gmail.com antes do 2 de xaneiro de 2020.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal