ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA continúa coas actuacións de custodia do...

10-12-2020

ADEGA continúa coas actuacións de custodia do territorio no Sobreiral do Arnego

Desde o ano 2016 ADEGA ven desenvolvendo accións de custodia do territorio no espazo natural protexido como Rede Natura ZEC Sobreirais do Arnego a través do proxecto “Custodiando o Sobreiral do Arnego”, e grazas ao acordo de custodia asinado cos donos da parcela A Zarra da Pena, a cal forma parte do espazo protexido. A maior parte das accións realizadas ata agora nesta finca e na contorna do río Arnego consistiron, entre outras, na elaboración de inventariados de flora e fauna, na recuperación de elementos naturais e etnográficos ou na eliminación de especies exóticas invasoras. Todas estas actividades foron coordinadas por ADEGA e executadas grazas á participación de voluntariado ambiental de toda Galiza.

ADEGA continúa custodiando o Sobreiral do Arnego promovendo neste ano e a comezos do seguinte accións que contribúan a recuperar a diversidade natural deste espazo protexido, os seus elementos patrimoniais de interese etnográfico e cultural e divulgar os seus valores. Para iso prevé iniciar neste mes de decembro a instalación dunhas 50 caixas niño para o refuxio de morcegos e a colocación de dous paneis divulgativos sobre os valores naturais e culturais da Zarra da Pena e do Sobrerial do Arnego. Tamén darán comezo os traballos de recuperación dun valado de pedra tradicional que se atopa deteriorado pola acción do tempo.

ADEGA conta cunha axuda da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galiza para investir no desenvolvemento destas actuacións de divulgación, estudo e conservación do Sobreiral do Arnego antes de marzo de 2021.

Xornada de instalación de caixas morcegueiras este sábado 12 de decembro

ADEGA convoca a primeira quenda de voluntariado ambiental para este sábado, 12 de decembro, na que se iniciarán os traballos de instalación de caixas para morcegos no Sobrerial do Arnego, actividade na que ademais participará o biólogo experto no estudo e seguemento de mamíferos, Xosé Pardavila da empresa SOREX. Nesta xornada, tamén se desenvolverán tarefas preparatorias para as vindeiras actuacións de custodia.

Para máis info e inscricións: Ramsés Pérez, ramses@adega.gal, 616 23 80 50.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal