ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA remite carta de apoio ao Ministerio para...

14-11-2020

ADEGA remite carta de apoio ao Ministerio para incluír o lobo no réxime de protección especial

ADEGA desmente os argumentos de rexeitamento expostos pola Xunta ante o Ministerio.


A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) vén de remitir unha Carta á titular do Ministerio de Transición Ecolóxica e para o Reto Demográfico, Teresa Rivera, co gallo de apoiar a súa proposta de elevar o status de protección do lobo ao Norte do Douro, incluíndoo no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (LESRPE). Ao tempo, ADEGA insta ao Ministerio a desatender o contido da carta remitida pola Xunta de Galiza e outras tres comunidades autónomas do Norte da Península, que hai uns días, rexeitaban o posible cambio de protección da especie. ADEGA considera que o rexeitamento da Xunta sostense en argumentos improcedentes e intencionadamente sesgados, e lembra que é o Ministerio o que ten competencias exclusivas para incluír o lobo ibérico no LESRPE. 

ADEGA denuncia que non pode demorar por máis tempo unha xestión para a protección da especie e mudar o modo de atender a incidencia que causa sobre a gandería baseado aínda en vellas políticas populistas que usan o lobo como elemento de confrontación política entre as distintas administracións. Esta desfasada estratexia de xestión resulta nefasta para a protección da especie e para acadar solucións para as explotacións gandeiras.

No escrito dirixido á Ministra, ADEGA fai un repaso do debate político sobre o lobo que se desenvolveu no Congreso dos Deputados desde o ano 1985. Sorprendentemente, os argumentos barallados hai trinta anos seguen sendo os mesmos que os da actualidade, as mesmas situacións de desprotección, a mesma alta taxa de mortalidade ilegal, as mesmas frustracións das explotacións gandeiras, e unha xestión lamentable e anacrónica, carente de fundamentos técnicos rigorosos por parte das Administracións. O feito de que hoxe en día esteamos participando do mesmo debate de hai 30 anos é, de por si, proba de que  as receitas de xestión da especie que hoxe en día se presentan e que son análogas ás de hai tres décadas son un fracaso, e que haxa administracións que prefiran non cambiar nada (como se desprende da Carta da Xunta e doutras CC.AA.) resulta  indecente.

A proposta de inclusión no LESRPE, promovida pola asociación ASCEL, e que derivou nun  Ditame do Comité Científico do Ministerio de Transición Ecolóxica que propón a inclusión do lobo ibérico en dito Listado, suporía un cambio moi importante para mudar as políticas de protección coa especie, pero tamén para satisfacer e tomar en serio as solucións de coexistencia co gando, obrigando as administracións a preocuparse realmente do que sucede con esta especie.

ADEGA desmente os argumentos da Xunta para rexeitar a medida

Na súa misiva, ADEGA advirte á ministra de Transición Ecolóxica que a situación que debuxa a Xunta con respecto ao lobo na Galiza dista moito de ser a que defende. A poboación de lobo non aumento en Galiza, como así recolle o Ditame Científico do Ministerio para o sexenio 2013-2018, e que cualifica a situación como desfavorable e inaxeitada, da que a Xunta ten a súa parte de responsabilidade. Non se pode soster que as poboacións de lobo teñan aumentado ante o incremento no número de avisos recibidos por ataque de lobo que, segundo a Xunta, aumentaron nun 126% dende o ano 2014. A realidade é que se incrementaron o número de avisos logo de que se modernizase o Servizo telefónico do 012, a partir do ano 2015, cun contrato de 4,5 millóns de euros.

Tampouco é cientificamente defendíbel que o lobo sexa o causante da desaparición de razas de gando autóctona, como expón a Xunta na súa Carta á ministra sen tan sequera achegar estudos que confirmen tal extremo. Segundo datos manexados por ADEGA, considerando o valor de mercado das máis de 900 mil reses rexistradas na Galiza, a incidencia do lobo sobre o mesmo tería un impacto económico dun 0,037%.

Os controis das poboacións mediante batidas e agardas regresaron en 2020 á axenda de autorizacións da Consellería de Medio Ambiente, despois dun breve período no que eses permisos semellaban terse restrinxido a situacións moi excepcionais. Debemos censurar unha vez máis que estas autorizacións se están outorgando sen a debida rigorosidade, e incumprindo o procedemento decretado no Plan de Xestión do Lobo. Mentres tanto a caza furtiva, a colocación de lazos ou o uso de veleno están detrás da morte duns 200 a 300 lobos ao ano. O último caso feito público tivo lugar recentemente en Cualedro, onde un lobo foi abatido por varios disparos.

ADEGA tamén pon en coñecemento da ministra de Transición Ecolóxica que a Xunta desatende as recomendacións ditadas pola Comisión Europea de investimento no impulso e manexo preventivo do gando como medida predominante e proactiva que favorece a coexistencia. O orzamento destinado a tal fin para 2020 (200.000 euros) non resulta suficiente nin para atender as demandas dunha soa comarca galega, e menos para as catro provincias. As axudas por compensar os danos por ataque de lobo tamén son insuficientes, pois deixan fóra algunhas razas de gando e resólvense con moita lentitude, chegándolle moi tarde as compensacións ás gandarías afectadas.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal