ADEGA

Inicio / Novas / Todas / O Concello de Lugo alimenta a confusión sobre a...

06-11-2020

O Concello de Lugo alimenta a confusión sobre a orixe "autóctona" da madeira utilizada no edificio Impulso Verde

Nestes días comezaron as obras do chamado “edificio Impulso Verde” do barrio multiecolóxico que promove o Concello de Lugo, e que están sendo anunciadas en diferentes medios e na páxina web municipal como “o primeiro edificio público galego construído con madeira autóctona certificada 100%”. Nestas informacións vertidas aos medios, o Concello asegura sen ningún tipo de pudor, que dito edificio será construído na súa totalidade con madeira autóctona certificada, procedente da Mariña lucense, ao tempo que indica que as madeiras a utilizar serán de piñeiro radiata e de eucalipto, especies arbóreas que non son autóctonas en Galiza.

Malia que a intención do concello coa expresión “madeira autóctona” fose a de indicar que os recursos materiais para a construción do edificio sexan de procedencia local ou cultivados en ámbito galego, a ninguén se lle escapa que esta información, trasladada ao ámbito das especies forestais, é enganosa e favorece a confusión sobre o carácter autóctono das especies empregadas. Desde ADEGA consideramos acertado o uso de recursos locais ou de proximidade por parte das administracións, pero lembramos que as madeira de piñeiro e eucalipto cultivada en Galiza nunca se podería denominar “autóctona” xa que procede de especies exóticas ou alóctonas e, no caso do eucalipto, invasoras, tal e como ditou no seu día o Comité Científico de Flora e Fauna Silvestres do Ministerio de Medio Ambiente.

O máis preocupante é que o Concello de Lugo contribúa de forma consciente a alimentar esa confusión entre a opinión pública, facendo pasar por autóctonas especies foráneas que atentan contra a preservación das árbores realmente autóctonas e teñen un elevado impacto no territorio. Este feito, volve poñer de relevo a falta de interese por parte do goberno local de traballar polo cambio dun modelo forestal e de avanzar cara unha produción forestal sustentábel, na que os bosques autóctonos non desaparezan ante o continuo aumento do monocultivo especies arbóreas exóticas.

Barrio multiecolóxico: máis propaganda que realidade

Á medida que avanza o proxecto, comprobamos desde ADEGA que o LIFE Lugo + Biodinámico se afasta bastante dos obxectivos de planificación sustentable e de modelo de resiliencia urbana que di representar. O Concello de Lugo, en ningún momento, xustificou a necesidade e a utilidade de construír novos edificios na cidade, unha das urbes do Estado con maior índice de vivendas desocupadas e non rehabilitadas, ou de edificios públicos infrautilizados, e nos que se malgastaron alegremente os cartos de todos e todas.

Tampouco vemos que este proxecto contribúa a avanzar na investigación e desenvolvemento dun bosque multifuncional, nos que se produza algo máis que madeira, e no que os produtos madeireiros sexan de calidade, deixen valor engadido no territorio e non comprometan o nosos bosques e o noso medio ambiente en xeral.

Aplaudimos as iniciativas que promoven a eficiencia enerxética urbana e respectuosas co medio ambiente, pero consideramos que neste caso estas premisas non se cumpren. Instamos, por tanto, ao Concello de Lugo a promover e investir en proxectos que realmente favorezan a rehabilitación das infraestruturas urbanas  e dos inmobles da cidade, ademais da eficiencia enerxética nos edificios xa existentes, sen necesidade de ocupar máis territorio e consumir máis materiais e recursos non renovables.

Dende ADEGA tamén pedimos ao Concello de Lugo maior responsabilidade nas informacións emitidas aos medios sobre o barrio “multiecolóxico” e que non siga empregando a denominación “autóctona” para referirse á madeira empregada na construción do edificio Impulso Verde.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal