ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA Vigo denuncia malas praxes dunha actividade...

27-10-2020

ADEGA Vigo denuncia malas praxes dunha actividade cinexética no Couto da Eirexiña

ADEGA Vigo vén de presentar unha nova denuncia ante á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda por una actividade cinexética realizada  no proxecto de custodia do territorio do Couto da Eirexiña, no monte comunal de Rebordelo (Cerdedo-Cotobade).

Mala praxe na actividade cinexética

O pasado luns 26 de outubro apareceu ferido de bala un exemplar de corzo no lugar do Pozo do Liño no monte comunal de Rebordelo, o cal foi atendido polo centro de recuperación de fauna de Pontevedra tras a chamada realizada desde a delegación de ADEGA Vigo. O exemplar de corzo terminou sendo sacrificado no devandito centro de recuperación debido á imposibilidade de recuperación do animal. Segundo a necropsia, o exemplar de corzo presentaba un orificio de entrada e saída de bala, así como a columna vertebral rota, ademais de un alto grado de desangrado pola ferida de bala. Estes feitos deberon producirse entre o sábado 24 e o domingo 25 no mesmo lugar onde foi atopado o corzo, debido a nula mobilidade que presentaba o animal.

Por todos estes feitos descritos, desde ADEGA Vigo denunciamos ante a Dirección Xeral de Patrimonio Natural as malas praxes observadas durante esta actividade cinexética co fin de investigalas e sancionalas por parte da autoridade competente. Entre estas malas praxes identificamos o abandono do animal ferido de bala no monte polos cazadores, así como a realización desta cacería dunha especie de caza maior sen sinalización, en terreo vedado e moi próxima ás vivendas da parroquia de Rebordelo.

A caza e súa incompatibilidade co resto de actividades na natureza

Desde ADEGA Vigo tamén denunciamos a hexemonía da actividade cinexética en detrimento doutras actividades de lecer e deportivas nos montes galegos. Desde a delegación denunciamos a incompatibilidade da actividade cinexética coas actividades de voluntariado e educación ambiental que realizamos no proxecto do Couto da Eirexiña. Pedimos á Xunta e ás actividades competentes que regulen o uso público do monte comunal para ofrecer maior seguridade dos demais usuarios e usuarias do monte ante a práctica violenta e hexemónica da caza.

Nestes intres estamos a traballar entre ADEGA Vigo e a comunidade de montes de Rebordelo na redacción dunha memoria técnica para a inclusión dos terreos en custodia baixo a figura de refuxio de fauna. Esta figura, definida no artigo 33 da sección 1 da Lei 13/2013 do 23 de decembro de caza de Galicia, permitiría prohibir a actividade cinexética nun territorio por razóns de carácter biolóxico, científico ou educativo.

Agardamos que nos próximos meses poidamos afirmar que o Couto da Eirexiña é un territorio libre de caza, onde poidamos realizar actividades de conservación e posta en valor do bosque autóctono sen seren interrupidas por actividades cinexéticas.

#StopCaza

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal