ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Máis de 600 persoas participaron na IX Limpeza...

21-10-2020

Máis de 600 persoas participaron na IX Limpeza simultánea de praias

Liimpeza de praias por GN Hábitat

Durante a pasada fin de semana (16,17 e 19de Outubro), unhas 30 entidades entidades e máis de 600 persoas sumaron os seus esforzos ao longo do litoral galego para limpar as praias e denunciar, xunto con ADEGA, a problemática ambiental do lixo mariño na IX Limpeza Simultánea de Praias. Nesta edición volveu a acompañar o bo tempo, un sol que fixo as limpezas máis divertidas e amenas, e centos de persoas achegáronse á costa para limpar os areais de Galiza, pois desta vez non quedou ningunha limpeza adiada. As limpezas tiveron lugar nun total de 30 praias  das 3 provincias costeiras.  

Como noutras edicións participaron centros de ensino, surfeiros, ONG ecoloxistas, asociacións culturais, de piragüistas, ciclistas, ANPAS e particulares. Todas e todos tiñan a mesma fin: limpar as súas praias e crear conciencia.  

Participaron arredor dunhas de 600 persoas e recolléronse preto de 4.000 kg de lixo, a maioría de orixe plástica, pero tamén predominaron restos de cordas, cabichas e pauciños dos ouvidos

A problemática do lixo mariño

limpeza de praias en Samil

O lixo mariño é un dos maiores problemas ambientais do planeta, as principais causas son: a insensibilidade dos modelos de consumo e produción da nosa sociedade, as malas estratexias na xestión dos nosos residuos e a falta de sensibilización da poboación. Todo iso fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos. Moito deste lixo provén da industria do mar (pesca, extraccións...), pero unha grande parte chega a través dos ríos, debido a unha mala xestión en terra.  

Máis de 1.000.000 de aves mariñas e 100.000 mamíferos e tartarugas morren cada ano enredados ou por inxesta do lixo mariño. Tamén pode afectar directamente á saúde humana, xa que moitos destes produtos conteñen substancias tóxicas, bioacumulativas e persistentes, que entran na cadea alimentaria. Por último outro dos graves problemas asociados a estes residuos, é que provocan perdas económicas importantes, debido a varios factores como son a diminución da pesca comercial, a degradación de lugares aptos para actividades recreativas e turísticas, ou o enorme investimento requirido para as limpezas de praias.

Coidemos das praias todo o ano

ADEGA quere subliñar que as limpezas de praias non debe ser un feito illado, e convida a calquera persoa a recoller o lixo do noso litoral sempre que poida. As limpezas de praias deben facerse de xeito manual, respectando os ecosistemas dunares, e tendo especial coidado coa fauna e flora que nelas habita. O obxectivo principal deste tipo de actuacións é crear conciencia e alertar da cantidade de plástico que producimos e tiramos, e as consecuencias que isto ten.

ADEGA agradece enormemente a participación de todas as persoas que organizaron e participaron como voluntarias en todas as limpezas.

Táboa de resultados da IX Limpeza simultánea de praias

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal