ADEGA

Inicio / Novas / Todas / A Pobra do Caramiñal iníciase na compostaxe da...

20-10-2020

A Pobra do Caramiñal iníciase na compostaxe da man de ADEGA

ADEGA encargarase de xestionar o novo programa de compostaxe que impulsa o concello da Pobra do Caramiñal, o cal vén de recibir unha axuda do Ministerio para a Transición Ecolóxica para implantar a compostaxe individual e comunitaria e un programa educativo no centro de ensino do concello.

O obxectivo deste programa educativo é que a Pobra do Caramiñal comece a xestionar os seus residuos orgánicos transformándoos en compost, implicando a sociedade na súa xestión e reducindo os residuos que se envían a SOGAMA e, por tanto, custos para o concello.

ADEGA colabora coa planificación do proxecto e coa impartición da formación, fomentando o cambio  cara a unha xestión municipal dos residuos que prime a prevención e a recuperación do lixo, nomeadamente, da materia orgánica.

Compostaxe caseira

O concello repartirá 50 composteiros entre a veciñanza de Xobre para, posteriormente, ir ampliando a outras parroquias. A dotación de composteiros é fundamental para iniciar á veciñanza nos procesos de compostaxe e separación selectiva e para superar as desconfianzas que poidan xurdir neste proceso.

A entrega do composteiro vai acompañada dunha formación que impartirá ADEGA para que o proceso se desenvolva pola veciñanza do xeito máis adecuado posible. Para tal fin, ADEGA dará unha charla ás persoas participantes no día da recollida do composteiro e, posteriormente, fará varias visitas aos domicilios para resolver dúbidas. Esta formación prolongarase ao longo de 9 meses, que é o período que se tarda en obter o primeiro compost, e durante o cal ADEGA fará o seguimento. Concluído ese período, as persoas participantes xa terán adquirido os hábitos precisos para a compostaxe e separación selectiva de residuos, incluso coñecerán diferentes técnicas de redución de residuos e como substituír fertilizante químicos por compost.

Nos últimos dez anos ADEGA ten iniciando estes programas en máis de 50 concellos galegos con moi boa acollida.

Compostaxe comunitaria e no ensino

Proximamente, tamén darán comezo as reunións coa veciñanza para implantar a compostaxe comunitaria en Pobra do Caramiñal e dar servizo a persoas que viven en pisos e non teñen horta ou xardín privado.


Ao mesmo tempo, tamén daremos a coñecer aos máis cativos e cativas da Pobra do Caramiñal como funciona a compostaxe e que vantaxes ten para recuperación da materia orgánica e o seu uso como abono. Para iso, instalaremos un composteiro no centro de ensino de Pobra do Caramiñal, xunto ao cal se impartirá a formación.

Solicita un composteiro na Pobra do Caramiñal

Dende o 9 de outubro  está aberto o prazo para solicitar un composteiro no concello da Pobra do Caramiñal, concretamente para a parroquia de Xobre. As persoas solicitantes deben ter horta ou xardín e poderán solicitar o seu composteiro na seguinte ligazón:

https://apobra.gal/a-pobra-contara-con-composteiros-domesticos-e-comunitarios/


Para máis información: María R. Lafuente ( tfno: 628 378804).

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal