Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O plano de conservación da Frouxeira confirma a...
04-12-2013
A D. X. de Conservación da Natureza sacou a consultas o Plano de Conservación da Frouxeira-Valdoviño. O documento reforza as denuncias de ADEGA pola nefasta xestión da Xunta no humidal: Incumpriron a lei coas reiteradas aperturas, perxudicando gravemente ao espazo. Por estes feitos, ADEGA vai pedir á Convención Ramsar a inclusión da Frouxeira no rexistro de Montreux, a lista de humidais na UVI degradados polas actuacións humanas.
5 anos despois de que o Parlamento instara á Xunta a non tocar a Frouxeira sen un Plano de Conservación, chega por fin este documento.
Mentres, durante estes anos este humidal protexido seguíu sufrindo sucesivas aperturas da lagoa realizadas ou autorizadas pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, que non dubidou en meter palas e buldóceres para drenar artificialmente a lagoa e "salvar" o paseo marítimo.
Curiosamente, o documento longamente agardado dá a razón a ADEGA nas súas denuncias e corrobora o mal estado de conservación no que se atopa o humidal. As reiteradas aperturas artificiais provocaron unha progresiva e alarmante colmatación do vaso lagoar, proceso que afecta á diversidade do ecosistema, a súa estrutura e o seu funcionamento ecolóxico.
Porén, o Plano carece de normativa e de medidas de xestión específicas para este espazo e parece centrarse exclusivamente na recuperación da comunicación entre a praia e a lagoa. Propón actuacións relativas á recuperación da coiraza interna ou a modificación do paseo marítimo que incide sobre a lagoa, pero non establece prazos concretos para a súa realización.
A respeito do polémico paseo, causa última das "meteduras de pata" da Xunta, o documento di “a morfoloxía e tipoloxía do paseo no tramo lacunar é totalmente contraria aos obxectivos de conservación do humidal…a superficie do paseo marítimo emprázase por debaixo da cota ordinaria de inundación da lagoa, de modo que para evitar a súa inundación, volveu ser necesario alterar de forma recorrente…”
Sendo o paseo marítimo o motivo polo que a Xunta abre a lagoa reiteradamente, afondando na súa degradación, o Plano non contempla ningunha medida sobre este, nin prazos nin orzamentos. Para que se fai entón este Plano? Semella que para seguir xustificando o drenado do humidal...
No documento fíxase tamén o xeito no que se deben realizar estas aperturas para o que divide o sistema barreira-praia en tres sectores: No Sector-1, o máis fráxil, non se debe realizar ningún tipo de actuación con maquinaria, nen sequera tránsito. O Sector-2 considérao igualmente fráxil e non se debe incidir negativamente sobre el. "Sobre a praia e a barreira non debe circular ningún tipo de vehículo”. Porén nos invernos 2011-2012, 2012-2013 e en novembro deste ano os buldóceres da Xunta modificaron radicalmente o perfil da praia nos sectores 1 e 2, actuando sobre áreas de gran fraxilidade.
Queda pois demonstrado o de dende hai anos vimos denunciando: Que as actuacións da Xunta na Frouxeira degradaron este espazo e fixéronse á marxe da lei.
ADEGA comunicará estes feitos á Fiscalia de Medio Ambiente, á Comisión Europea e á Convención Ramsar. Solicitaremos á convención internacional dos humidais a inclusión da Frouxeira-Valdoviño no rexistro de Montreux, unha listaxe especial para humidais degradados pola acción humana (e pola incompetencia e o desleixo das administracións). Non se pode xestionar un espazo tan sensíbel ao marxe da lei e a golpe de excavadora!
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal