ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / 2009-2020: UN BALANZO NEFASTO PARA O AMBIENTE...

09-07-2020

2009-2020: UN BALANZO NEFASTO PARA O AMBIENTE GALEGO

É costume en tempo eleitoral facer balanzo do período vencido repasando as principais actuacións do labor de goberno ou oposición. A cidadanía e as organizacións sociais tamén debemos avaliar, se non en continuo, cando menos cada 4 anos, o acontecido. Por desgraza para o medio ambiente, o balanzo dos máis de 10 anos de goberno Feijóo só pode cualificarse de nefasto. Desde ADEGA concluímos que a política da Xunta de Galiczen materia ambiental nesta última década caracterizouse fundamentalmente polo desregulamento e o retroceso das garantías ambientais a favor das industrias máis contaminantes e destrutoras do territorio.

Biodiversidade e Patrimonio Natural: administrando dilixentemente a extinción

Galiza segue última en porcentaxe de superficie protexida con apenas o 12% fronte á media estatal do 27%. Nin sequera se atenderon os requirimentos da Comisión Europea para ampliar a representatividade de hábitats sensíbeis chaves para loitar contra a mudanza climática e aumentar a resiliencia dos ecosistemas. Ningunha destas advertencias atopou resposta por parte da Xunta, que seguiu aprobando normativas sectoriais (Lei Eólica, do Solo, de Montes…) fortemente lesivas para a biodiversidade.
O Plano Director da Rede Natura chegou tarde e consolidou o abuso da discrecionalidade para introducir excepcións e permitir actividades como piscifactorías, incineradoras, caza, rallys, plantacións de eucaliptos..., mesmo, nas zonas de maior valor ecolóxico. Tamén van con retraso, nalgúns casos de decenios, os instrumentos de xestión dos espazos protexidos (PRUX, Planos de Conservación). Sen planificación, estas áreas ficaron ao discrecional criterio dos servizos provinciais durante lustros, xusto cando a crise climática facía máis urxente dispoñer de ferramentas e recursos para mitigar os impactos máis duros.
Só 3 das 200 especies do Catálogo Galego de Especies Ameazadas contan cun plano de conservación ou recuperación aprobado, malia a que a Xunta garda dende hai 10 anos varias ducias máis sen aprobar. E isto tivo consecuencias: especies como o mazarico real ou o sisón esmorecen por falta de xestión e poden extinguirse en poucos anos como xa fixo o arao dos cons e a pita de monte.

Emerxencia climática: a Xunta a velas vir máis de 10 anos

Contra a mudanza climática e logo de 10 anos de inacción, a Xunta volveu ás receitas de Fraga: máis “libros brancos”. A Estratexia Galega contra o Cambio Climático (2019) é un compendio de medidas cosméticas maioritariamente baleiras de orzamento, que non tocan nin o negocio das térmicas nin o de ENCE…
Para o PP o esforzo da redución de gases de efeito invernadoiro debe recaer maioritariamente na cidadanía, obviando aos grandes emisores e mesmo aumentando a capacidade incineratoria de SOGAMA.
E como non quixo apostar decididamente por reducir as emisións das térmicas, a Xunta pretende cadrar as contas climáticas pola vía do secuestro de carbono, potenciando a silvicultura con “especies forestais máis eficientes”, isto é que produzan máis madeira o máis rápido posíbel, e a vía claro está é o eucalipto e as especies de crecemento rápido.

Residuos e economía circular: a voltas coa incineración

Galiza segue paralizada e ancorada nunha xestión ineficaz dominada pola incineración e o vertido.  As recentes directrices europeas para xestión dos refugallos no marco da economía circular fixan para o 2020 que a reciclaxe deberá ser do 50%: 20 anos despois do establecemento de SOGAMA, a súa taxa de reciclaxe anda polo 3%...
A Xunta, en troques de abandonar a incineración e o vertido e optar por modelos descentralizados baseados na prevención, os 3R e a compostaxe da materia orgánica, segue enrocada en manter artificialmente a SOGAMA e afogar economicamente aos concellos para seguir financiando o negocio de Naturgy (antes FENOSA-GN). 
Na nova Lei de Residuos (2019) a Xunta esquece ademais incluír o principio de proximidade para seguir centralizando o tratamento en Cerceda, suvertendo outro dos principios da economía circular. Tamén pretende perverter a xerarquía de tratamento, que coloca á incineración e ao vertido no último chanzo (o que fai SOGAMA), establecendo excepcións arbitrarias coa escusa de conquerir "un mellor resultado ambiental"!? Tampouco propón medidas fiscais para desincentivar o sobre-envasado (prevención), respectar a xerarquía (reciclaxe) e penalizar o vertido.
En definitiva, a economía circular significa para a Xunta manter a Galiza no círculo pernicioso do crecemento sen fin.

Enerxías renovábeis: planificación caótica de grande impacto ambiental e social

A lei eólica do PP (2009) foi unha das primeiras medidas lexislativas de Feijóo na Xunta, deixando sen efecto o concurso adxudicado na etapa anterior. Porén, dos 2.325 MW adxudicados en 2010, en 2018 apenas autorizouse un 5% e só no último ano e medio entraron novos proxectos, moitos deles con graves eivas ambientais. Polo medio, sentenzas do TSXG (2012) e o TS (2015) ratificaron a ilegalidade da anulación do concurso do bipartito, e finalmente o Supremo (2016) avalou a manobra de Feijóo. Mais o dano estaba feito: a inseguridade xurídica fixo que o sector eólico ficara paralisado. O custo para o erario público desta manobra vai xa polos 1,6 millóns de € para pagar as indemnizacións ás adxudicatarias, e aínda quedan unha media ducia de contenciosos por resolver.
Feijóo deu por ben perdidos estes cartos en indemnizacións polos preto de 160 M€ que se ingresan anualmente en concepto de canon. A implantación do canon eólico foi unha das xustificacións do PP para anular o concurso do bipartito. Mais o canon eólico grava as instalacións por número de muíños e non por potencia instalada ou por produción, como demandabamos colectivos ecoloxistas e veciñais. Deste xeito, os modernos parques con poucas máquinas moi potentes, ao pagar por aeroxerador, xeran máis plusvalías ás empresas e menos ingresos polo canon, distribuído aos concellos através do Fondo de compensación ambiental. Ademais, moitos dos vellos parques estanse a repotenciar, substituíndo vellas máquinas por poucos novos muíños: a menos máquinas, menos canon, e coas bonificacións (5% de rebaixa por muíño) mesmo pode chegar a ser cero.
A planificación eólica do PP foi moi favorábel para os grandes grupos empresariais e moi lesiva para o interese público e o ambiente. Os graves impactos ambientais e a ínfima xeración de postos de traballo e de dinámicas positivas no tecido socioeconómico, particularmente no rural, alén dos custos de sentenzas e indemnizacións, fan urxente mudar a situación.

Medio rural e montes: a década máis intensamente eucaliptizadora da historia

A Lei de Montes e o Plano Forestal do PP pretende consolidar a ditadura do eucalipto nos montes galegos. Nin sequera se avalían as causas do fracaso do Plano Forestal de 1992, que prevía un máximo de 245.000 ha de eucalipto en 2032 e hoxe temos preto de 600.000 ha. E aínda vai permitir outras 35.000 ha máis! Ademais foi unha década na que as leis de montes e de prevención de incendios sufriron sendas modificacións, causando unha importante inseguridade xurídica e confusión social neste ámbito, a través de novos decretos e leis
A Xunta do PP e Feijóo insistiron nos mesmos erros de planificación forestal: máis eucaliptos para pasta e agora tamén para cultivos enerxéticos. O lobby pasteiro-enerxético quere ter a medio país producindo eucalipto para pasta e ao outro medio madeira de crecemento rápido para queimar e engordar o negocio eléctrico. Feijóo mesmo chegou a modificar a lei (Decreto da biomasa de 2008) para que unha planta puidera tramitarse con máis potencia da permitida, abrindo a porta aos cultivos enerxéticos. Nesa enerxética “verde” acabou recalando a exconselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato.
A planificación forestal da Xunta esqueceu tamén a conservación da diversidade ecolóxica e os usos ecosistémicos do monte, tan necesarios nun contexto acelerado de mudanza climática. E sobre os incendios, as súas políticas consolidaron un modelo continuista e desenfocado de loita contra os lumes que esquece a prevención, a diversidade de especies e o control da expansión das pirófitas.  Cuestións que se intentaron reverter por segunda vez na historia democrática de Galiza, a través dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) a prol do monte e do bosque galego, que foi tombada de novo no Parlamento polo PP coa axuda do grupo socialista. Feijóo desprezou unha vez máis a vontade de ducias de milleiros de galegos e galegas que reclamaban unha viraxe absoluta da súa política forestal.

Lei de Depredación: todo o territorio ao servizo dun capitalismo “de amiguetes”

Esta norma (Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais), alcumada “lei de depredación” resume perfectamente os contidos e as formas da política de Feijóo cara o ambiente e o territorio: suprimir todo “atranco” ambiental e administrativo para que mineiras, eólicas e eléctricas planifiquen e dispoñan ao seu antollo do país.
Coa escusa de “eliminar atrancos administrativos” recórtanse dereitos cidadás como o de información e participación pública ao reducir o prazo de alegacións e mesmo eximir deste trámite a algúns proxectos.
Esta lei introduciu tamén un profundo desequilibrio na propiedade da terra, que bascula cara determinados intereses empresariais. Veciñanza e comunidades de montes verán como as empresas usurpan dereitos de propiedade e fan valer o seu “interese público” para expropiar terras, expropiacións que se tramitan por xunto cos proxectos empresariais, que xa contan coa utilidade pública e a prevalecía sobre calquera outro dereito. Todo para facilitar a determinadas empresas o acaparamento de terras para desenvolver o seu negocio cun procedemento non moi diferente a unha requisa.
En definitiva con esta norma o PP socavou profundamente o interese xeral e os dereitos da cidadanía; eliminou garantías ambientais e de procedemento; ninguneou aos concellos e alterou o equilibrio institucional. Un “golpe de estado” administrativo que deixa á Xunta como un apéndice dos grandes fundos de investimento, un simples portelo para expedir licenzas para a espoliación do territorio.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal