Inicio / Áreas temáticas / Custodia do territorio / Presentación
A custodia do territorio é unha estratexia de conservación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico cunha principal característica: a implicación da sociedade civil na xestión responsábel do territorio. Esta xestión realízase por propietarios/as de terras e entidades de custodia (asociacións, concellos, etc.) mediante diferentes tipos de acordos coa finalidade de promover a conservación de certas especies ou ecosistemas. Nos últimos anos, iniciáronse no noso país numerosas experiencias de conservación a través desta ferramenta.
• Que é?
É unha estratexia de xestión do territorio que ten como obxectivo a conservación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico dun territorio concreto.
• Como?
Mediante acordos voluntarios, verbais ou escritos, entre propietarios/ as de fincas e entidades de custodia que establecen un pacto para xestionar a parcela custodiada.
• Quen?
Propietarios/as de fincas e entidades de custodia, que poden ser entidades públicas ou privadas (fundacións, grupos ecoloxistas, administracións públicas, etc.)
• Onde?
En parcelas que teñan ou poidan ter valores naturais, culturais e/ou paisaxísticos.
• Cando?
Os acordos de custodia establecen o período de actuación, podendo ir de varios meses a varios anos, segundo as accións de xestión acordadas.
ADEGA é unha das entidades galegas que ten contribuído nos últimos anos a divulgar e promover esta estratexia de conservación ben coa organización de xornadas como foi o I Encontro galego de custodia do territorio (Cerna 66) así como a implementación da mesma no marco de iniciativas realizadas no marcos de diferentes iniciativas: Proxecto Ríos, Charcas con vida, Eira da Xoana, etc.
Dende ADEGA cremos que a custodia do territorio ten unha interesante vinculación coa conservación do patrimonio e da paisaxe e coa participación social. A través dela, poden participar propietarios que teñen terras abandonadas ou que precisan cooperación así como tamén cidadáns que no seu tempo libre desexan colaborar mediante xornadas de voluntariado ambiental ou traballos comunitarios.
Así mesmo, ADEGA ten editado materiais que divulgan este xeito de conservar o noso territorio, Manual de custodia fluvial, Custodia fluvial nas bacias do Ulla, Umia e Lérez, Charcas con vida...
ADEGA creou xunto a outras entidades de custodia do territorio de Galiza a Rede Galega de Entidades de Custodia do Territorio.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal