ADEGA

Inicio / Proxectos / Fluviatilis: custodia para a resiliencia

Fluviatilis: custodia para a resiliencia

O proxecto "FLUVIATILIS: custodia para la resiliencia" ten como obxectivo principal a conservación e rehabilitación de ecosistemas fluviais, aumentando a súa resiliencia ao cambio climático e a provisión de servizos ecosistémicos mediante a custodia fluvial, unha importante ferramenta para a xestión integrada do territorio.

A través desta estratexia de xestión, as entidades que forman Fluviatilis promoverán a xestión compartida dos ecosistemas acuáticos continentais desde a sociedade civil; realizarán accións para a mellora da provisión de servizos ecosistémicos (o que nos achegan os ecosistemas acuáticos); adaptarán ríos e zonas húmidas ao cambio climático mediante a aplicación de Solucións Baseadas na Natureza (SBN) e o eco-deseño; fomentarán o desenvolvemento da economía circular e a bioeconomía da contorna local na que se actúe e, atendendo ao disposto na Directiva Marco da Auga, integrarán á cidadanía na mellora e conservación dos ecosistemas obxectivo do proxecto.

Fluviatilis nace cunha visión conxunta, mais cada entidade coordinará as actuaciós no seu territorio: Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) en Galiza, Asociación de Naturalistas do Sureste (ANSE) na Rexión de Murcia, Grup de Natura Freixe (GNF) en Catalunya, Fundació LIMNE na Comunitat Valenciana e Red Cambera en Cantabria. O proxecto, que se desenvolverá ata finais de 2025, conta cun orzamento de 1.049.779,59 €.

Solucións baseadas na natureza

A conservación e mellora da biodiversidade perfílase como unha resposta a varios retos do desenvolvemento sostible. Desta forma, as Solucións Baseadas na Natureza preséntanse como un medio máis rendible que outras alternativas, xa que posibilitan a mitigación dos efectos derivados do cambio climático, o fomento da seguridade alimentaria e hídrica ou o impulso dunha economía máis sostible. En definitiva, preséntanse como un instrumento clave para facer fronte á perda de biodiversidade contribuíndo de forma esencial á saúde do planeta.

A bioeconomía, motor da transición ecolóxica

Este proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU. O obxectivo deste programa do PRTR é identificar iniciativas transformadoras que impulsen a bioeconomía, entendida como unha oportunidade para amosar que a conservación dos recursos naturais pode ir da man de actividades que xeren desenvolvemento económico e social.

A convocatoria, que recibiu un total de 132 propostas, seleccionou 14 iniciativas, entre as que se atopa Fluviatilis, ao demostrar a  súa contribución a resolver algún dos grandes retos ambientais e sociais para a conservación do noso patrimonio natural e biodiversidade e a creación de emprego.


Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal