ADEGA

Inicio / Proxectos / Muller e medio ambiente

Muller e medio ambiente

Muller e medio ambiente

Muller, naturalmente ADEGA comezou en 2007 a achegarse con ilusión a un colectivo moi especial para a conservación do medio ambiente: as mulleres do rural. Desde ADEGA consideramos unha cuestión de xustiza e de necesidade prestarlle atención ás mulleres do rural. E mirando os resultados só podemos afirmar que paga moito a pena tentalo.

En colaboración co Servizo Galego de Igualdade organizáronse dúas actividades que se realizaron en 24 concellos:

  • O Obradoiro "A muller e o coidado do entorno rural"
  • O Itinerario Formativo "O Medio Ambiente coma Fonte de Emprego"
Porque...
  • son activas en múltiples eidos: a casa, a agricultura, a educación, o emprego, o asociacionismo...
  • a miúdo son propietarias ou xestoras do patrimonio natural: o monte, o agro, o marisqueo...
  • están moi receptivas e interesadas en formarse, informarse e coidar o medio ambiente
  • malia este importante papel, atopan maiores dificultades á hora de traballar, de progresar e de atopar tempo para si mesmas.

A inxustiza da destrución do medio ambiente e da explotación á muller teñen orixes semellantes: ámbalas dúas proveñen dunha relación de dominio, e non de respecto ou de coidado. Tanto o traballo da muller no eido doméstico coma os ciclos naturais tórnanse máis invisibles canto mellor funcionan. E como a cotío non custan diñeiro, parece que esas funcións desempeñadas pola muller e a natureza carecen de valor.

Xa se celebraron obradoiros nos concellos de Mazaricos, Negreira, Zas, Fornelos de Montes, Castrelo do Val, Oimbra, Caldas de Reis, Dumbría, Muíños, Narón, Montederramo, Abegondo, Arzúa, Melide e Vilalba.

O Obradoiro 'A muller e o coidado do entorno rural'

Muller e medio ambiente

Consiste nunha actividade de 9 horas (3 días) na que se dialoga coas mulleres sobre diferentes posibilidades de implicarse no coidado do seu entorno.

As participantes escollen os 3 temas que máis lles interesan:

  • A Muller e o Coidado do Entorno.
  • O medio ambiente en Galicia: luces e sombras.
  • Os incendios forestais.
  • Unha agricultura saudable.
  • Ecoloxía dende a casa.
  • As posibilidades de emprego no sector medioambiental Grandes mulleres da historia verde.
  • O asociacionismo.
Ao longo de tres días aportamos alternativas ecolóxicas a situacións cotiás das participantes. Discutimos sobre problemas ambientais da actualidade. Reflexionamos sobre a situación do medio ambiente e a súa situación como mulleres. E aportamos información sobre novidades, axudas, recursos e iniciativas exemplares que redundan en coidar o medio ambiente e mellorar a calidade de vida das persoas.

O Itinerario Formativo 'O Medio Ambiente coma Fonte de Emprego'

Muller e medio ambiente

Esta actividade dura 15 horas (5 días) e pretende espertar a curiosidade das asistentes cara novas profesións relacionadas coa defensa do medio ambiente, escachando o mito da ecoloxía como freo ao progreso.

Con este itinerario xa visitamos Vilagarcía, Cangas, Oza dos Ríos e O Carballiño.

  • O Medio Ambiente coma Fonte de Emprego.
  • O Medio Ambiente en Galicia: Luces e Sombras.
  • 45 profesións para defender o medio ambiente.
  • O sector forestal: cando as árbores non deixan ver o bosque.
  • Sacar partido ao noso patrimonio: Educación e Interpretación Ambiental.
  • Outro xeito de producir: A agricultura e a gandeiría ecolóxicas.
  • Os espacios naturais protexidos coma motor do emprego.
  • Iniciativas emprendedoras e autoemprego. Exemplos de proxectos dentro e fóra de Galicia. Recursos na internet.
O curso conta con saídas a lugares de interese, entrevistas a profesionais en activo no sector medioambiental e unha sesión de busca en internet de recursos e fontes de información relacionadas cos intereses das participantes.

Os materiais didácticos do curso foron publicados polo Servizo Galego de Igualdade.

...E seguimos avanzando.

Muller e medio ambiente

O traballo con mulleres abre moitas portas á hora de levar a cabo cambios no rural, tanto para protexer o entorno como para mellorar as condicións de vida da poboación.

Serán as mulleres quen impulsen unha nova cultura do coidado e o respeto cara o medio ambiente e as persoas? Con todo, para acadar un verdadeiro avance cómpren accións prolongadas. Por iso, ADEGA ofrece un acompañamento posterior dos grupos de mulleres para que elas mesmas se impliquen na organización das súas propias actividades. Polo coidado do entorno e por elas mesmas

Para máis información ou para enviarnos as vosas suxestións, contactade con nós en adega@adega.gal


Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal