ADEGA Cadernos

Inicio / Números anteriores / Caderno nº 5 - Transporte e...

Outubro 1999

Caderno nº 5 - Transporte e medio ambiente

Artigos do Caderno nº 5

Presentación

ADEGA / Redacción

Páx. 5-6

Con este caderno, ADEGA proponse contribuír a incrementar a consciencia da sociedade galega sobre o grave impacto ambiental de tipo local e planetario do actual modelo de transporte.Ademais destes aspectos, este caderno tamén invita a afondar na outra cara desta mesma moeda: o debate sobre uns medios de transporte adecuados ás necesidades sociais e ás posibilidades económicas do país, que respecte os límites ambientais e se adapte ás características naturais e poboacionais galegas. Estas preocupacións han de levarnos a avaliación dos custes externos das diferentes alternativas de transporte: camiños de ferro, tren de alta velocidade,transporte rodado e coche particular, avión, transportes colectivos…coa finalidade de dispor de criterios obxectivos para apoiar e darlle prioridade a unhas e outras infraestruturas.

O impacto ambiental dos transporte en Galicia

Manuel Soto Castiñeira

Páx. 7-20

O transporte rodado monopoliza hoxe as formas de transporte nos países industrializados. Só o transporte en vehículos particulares supón o 67% do transporte motorizado total no Estado Español. Esta modalidade de transporte require a construción dun inxente número de vehículos, presenta un elevado consumo de enerxía na súa utilización, e presupón unhas infraestruturas moi custosas tanto na súa construción como mantemento. O seu impacto ambiental, por outro lado, resulta cada vez mais difícil de acochar.Pero para os aladides deste modelo de transporte, estes problemas lonxe de constituír un límite real, solucionaríanse co que podemos chamar a fuxida cara adiante: mais infraestruturas, mais coches particulares, mais mobilidade, atopándonos así co problema da pescada que se morde o rabo.

O balanzo económico e social do sistema de transporte: as contas ecolóxicas.

Fernando Nebot

Páx. 21- 34

Ao falar do transporte todos pensamos no acto de desprazarse, no momento no que montamos nun vehículo e chegamos a un destino que previamente alcanzar, e iso é o que ao final identificamos como transporte.O tema é algo bastante mais global e só se o vemos cunha visión de conxunto poderemos coñecer realmente os problemas e formular solucións realmente efectivas aos problemas que detectásemos. No fondo poderíase dicir que salvo que sexamos radicais, no sentido de buscar a raíz dos problemas e das cuestións, dificilmente podemos dar solucións que modifiquen as causas que orixinan os problemas e estaremos sempre dando pequenos parches que actúan sobre os efectos, non sobre as causas. Nesta idea de tentar ser radical, este autor vai expoñer a súa forma de ver este problema.

Balance ecolóxico do transporte universitario nos campus de Elviña e a Zapateira (A Coruña)

M. Barriada, M. Blanco, M. Felipe, C. Rey e M. Soto

Páx. 35-40

O transporte é a causa directa do 28% do consumo de enerxía final no noso país, mentres que indirectamente, se contabilizamos a construción e mantemento de infraestruturas e vehículos, pode achegarse ao 50%, Así , as emisións de CO, proceden en boa parte dos combustibles fósiles empregados no transporte e son a causa principal do efecto invernadoiro e do cambio climático, sendo urxente a optimización do transporte en canto a consumos e emisións contaminantes.No presente traballo, estes autores realizan un estudio da situación do transporte de viaxeiros ao campus de Elviña e A Zapateira da Universidade da Coruña. A mellora deste servizo e unha correcta planificación das vías de aceso podería axudar a reducir considerablemente o impacto ambiental derivado do consumo enerxético no transporte de persoas á Universidade

Os tres T do transporte colectivo: tren, tranvía, trolebús

Xan Fraga Rodríguez

Páx. 41-50

Ata agora a política de transportes estivo volcada dunha maneira abrumadora na potenciación de estradas, seguindo un modelo económico de desenvolvemento tremendamente inxusto e lesivo para as persoas e o medio ambiente.O problema do transporte só se pode abordar dende unha concepción global, especialmente nas áreas metropolitanas; ten que haber polo tanto unha planificación conxunta para que sexa económico e eficaz.Para que isto sexa posible ten que haber paralelamente unha política fiscal e lexislativa que penalice o transporte individual contaminante e pola contra que incentive o uso do transporte colectivo, pacificando o tráfico e reconquistando o espazo público para as persoas.

O ferrocarril en Galicia: Plans oficiais de modernización e a alternativa de ADEGA

Ramón Varela Díaz

Páx. 51-58

Na actualidade estase elaborando por parte do Goberno Central un Plan Director de Infraestruturas (PDI) para Galiza, proxecto no que colabora tamén o Goberno Autónomo. sospeitamos e case podemos asegurar que unha vez mais o ferrocarril vai ser discriminado a respecto doutros sistemas de comunicación.Analizamos a Proposta do Plan Director de infraestruturas ferroviarias para o noroeste español, en concreto para Galicia e indicamos os puntos principais de discrepancia de ADEGA con respecto á mesma e presentamos unha alternativa que xulgamos viábel e cuxa realización seria de grande importancia.

ADEGA Cadernos
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:adega@adega.gal