ADEGA Cadernos

Inicio / Números anteriores / Caderno nº 8 - Economía e...

Novembro 2002

Caderno nº 8 - Economía e medio ambiente

Artigos do Caderno nº 8

Introdución

María Xosé Vázquez Rodríguez

Páx. 5

A economía ambiental está chegando á súa madurez, as bases desta descansan na importancia de analizar as causas e as implicacións económicas da degradación ambiental, na necesidade de deseñar incentivos económicos da degradación ambiental para frear este proceso. Con este caderno queremos romper o tópico de que a economía tan só se preocupa de fluxos de diñeiro e de intercambios de mercado. A medida que os recursos naturais e a capacidade de asimilación dos grandes medios se converten en escasos, é necesario xestionalos adecuadamente para evitar a sobreexplotación e o risco da súa desaparición. Trátase de integrar o medio ambiente correctamente dentro do pensamento económico, para que a economía poida contribuír á solución e prevención dos problemas ambientais. Estas solucións económicas deben considerarse necesarias pero non suficientes por si soas. Son pois complementarias e non excluíntes doutro tipo de actuacións.

Da economía convencional á economía da sustentabilidade

María Xosé Vázquez Rodríguez

Páx. 7-21

A economía ambiental ten as súas orixes nos anos 60, co xurdimento dos movementos “ecoloxistas” nos países máis desenvolvidos, pero os fundamentos xa viñan de atrás, século XVIII, con T.Malthus. Dende a Revolución Industrial, e dende a II Guerra Mundial, en particular, a énfase das investigacións económicas radicaba no mantemento e estimulación permanente do crecemento económico. Sen embargo, xa nos anos 60 e, sobre todo nas décadas dos 80 e 90, xorde certa preocupación ambiental e suficiente evidencia dos efectos da industrialización e do crecemento incontrolado. Inevitablemente, isto espertou a preocupación pola calidade de vida, como concepto máis amplo e non só baseado no consumo de bens materiais, e tamén polo benestar interxeracional. Por outra banda, o crecemento ilimitado da poboación nas nacións non industrializadas, estaba desembocando nunha agresiva presión sobre os recursos e, inevitablemente, en pobreza xeneralizada. En definitiva, o recoñecemento de que o noso sistema económico, que proporciona os bens materiais e servizos necesarios para o noso moderno nivel de vida, está asentado nos sistemas ecolóxicos (biosfera) e sen o seu soporte non pode sobrevivir.

A economía da contaminación

Xavier Labandeira Villot

Páx. 23-28

Hai dúas formas de definir a degradación ambiental como fallo do mercado, ben como un efecto externo negativo ou causado pola natureza pública dos bens ambientais. O mercado de por si non é capaz de asignar bens públicos e por iso o sector público debe velar por unha adecuada provisión dos bens ambientais. Os mecanismos de mercado non deben ser considerados como alternativa incompatíbel coas regulacións de mandato e control senón máis ben como complementarios a estas. Por outra banda, o imposto galego sobre a contaminación atmosférica presenta diversos problemas: unha baixa correspondencia co problema ambiental que se quere controlar, unha actuación limitada na incentivación e un traslado a prezos finais da electricidade probabelmente insignificante.

Valoración económica dos cambios ambientais

María Xosé Vázquez Rodríguez

Páx. 29-45

As estimacións do valor económico dos bens e servizos ambientais poden proporcionar información valiosa para a toma de decisións de xestión de recursos naturais e ambientais. A valoración ambiental tenta fornecer un indicador da contribución dos bens ambientais ao noso benestar. Isto implica a estimación do valor total, que se define como a integración do valor de uso directo, do valor de opción e do de existencia. Os métodos de valoración poden aplicarse cando son varias as posibilidades entre as que se pode optar; é dicir, cando aínda estamos por riba dos límites ecolóxicos de sustentabilidade (non periga a supervivencia). Valoración económica non quere dicir valoración de mercado. A xustificación reside en que o diñeiro utilízase como unidade de medida de ganancias ou perdas heteroxéneas no benestar. Non debe ser confundido co diñeiro como obxectivo. Algúns métodos de valoración son: o custo da viaxe, os prezos hedónicos e a valoración continxente.

ANEXO I: A Unión Europea e as mareas negras: ¿Canto debe pagar o que contamina?

María Xosé Vázquez Rodríguez, Manuel Varela e Albino Prada

Páx. 48-52

A Costa da Morte fixo de novo honor ao seu nome. Pero esta vez a morte lanzou o seu manto negro e, axudada polos ventos, conseguiu sumir nas tebras a arisca e impredicíbel costa atlántica da península ibérica. A lei de probabilidades é inexorábel e debuxa o destino da costa galega: coa marea negra derivada do Prestige, o noso litoral ten recibido máis do dez por cento dos vertidos marítimos de petróleo do mundo. A pesar da amplitude dos danos, o marco institucional vixente da Unión Europea é anacronicamente limitado. Normalmente o armador limita a súa posibilidade no contrato de seguro en función do arqueo do buque utilizado para realizar o transporte. Antes isto, a responsabilidade en Europa para os vertidos de petróleo derivados do transporte marítimo non só é limitada senón que tamén é dificultosa.

ANEXO II: Campaña da oficina europea do ambiente (OEA) a favor da reforma ambiental da fiscalidade en Europa por uns prezos que beneficien ao medio ambiente

Jonh Hontelez. Secretario xeral da Oficina Europea do Ambiente (OEA)

Páx. 53

Como parte da campaña, establecemos unha serie de obxectivos cuantificados e unhas axendas para o ámbito da UE que servirán de guía para o ámbito nacional. Esperamos poder xerar un novo debate sobre a forma ambiental da fiscalidade en todos os países da UE así como nos países candidatos á adhesión, e deste modo crear unha dinámica que fará posíbel dar pasos máis audaces no ámbito nacional sabendo que o resto de Europa estanse desenvolvendo procesos similares. Estamos fomentando a adopción da proposta actual da Comisión sobre a fiscalidade da enerxía (directiva Monti), pero achamos que só é o primeiro paso para coordinar toda Europa.

ADEGA Cadernos
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:adega@adega.gal