ADEGA

Inicio / Axenda / Outras actividades / Ponse en funcionamento a Escola Cívica...

Do 07-04-2022 ao 30-04-2022

Ponse en funcionamento a Escola Cívica para a Custodia do Territorio

O proxecto Escola Cívica para a Custodia do Territorio botará a andar no mes de maio co obxectivo de xerar un espazo para a aprendizaxe e a implicación da xuventude en torno ao seu futuro laboral, a conservación do territorio e a transformación económica local.

Durante o mes de abril, todas as persoas de entre 16 e 35 anos interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico a escolacivicamonterroso@gmail.com

Unhas das dimensións da despoboación rural está directamente relacionada coa falta de oportunidades atractivas de emprego, o que mobiliza a moitas persoas novas a formarse e traballar noutros lugares. A aposta desta formación é orientar a práctica profesional das próximas xeracións cara valores que poñan o énfase na sustentabilidade medioambiental, a biodiversidade, o fomento da participación cidadá, a equidade ou a xustiza social.

Así, este proxecto pretende xerar un espazo de aprendizaxe dirixido á xuventude co obxectivo de que se constitúa como axente activo e protagonista da transformación económica e social do seu territorio a través dun proceso formativo que motive e oriente o talento da xuventude local cara proxectos de emprego baseados na sustentabilidade ambiental, a equidade de xénero e a conservación do medio.

Faranse encontros, visitas e xornadas experienciais para coñecer diferentes proxectos e organizacións locais -As Vacas da Ulloa, Quercus Sonora, Milhulloa, Eira da Xoana e Grupo de Consumo O Zuleiro- que funcionan en torno a modelos de economía social e solidaria, sustentable, equitativa e garantes do emprego de calidade.

Finalmente, o proxecto porá a disposición do alumnado da escola un servizo de titorización para que cada participante poida resolver dúbidas e receber asesoramento en materia laboral e futuro profesional.

Este proxecto está deseñado pola Cooperativa Indaga e co-financiado polo Concello de Monterroso, a Federación Española de Municipios e Provincias (Femp) e o Instituto de la Juventud (Injuve).

Para máis información: 645129081 (Adrián).

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal