ADEGA

Inicio / Axenda / Outras actividades / Vía Galega: Manifestación Somos...

24-04-2022

Vía Galega: Manifestación Somos unha Nación, en Compostela

rolda prensa, vía galega, manifestación 24 abril

A Plataforma Vía Galega convoca a manifestación co lema “Somos unha nación” con saída o domingo 24 de abril ás 11:30 da alameda de Compostela cos obxectivos de crear máis conciencia nacional e de reforzar a autoestima colectiva como País.

Este mes de abril conmemóranse os 176 anos daquel abril de 1846, que Manuel María denominou “abril de lume e ferro” en que se sucederon numerosos levantamentos, pronunciamentos, proclamas e a creación da “Xunta Superior do Goberno de Galiza” que xa denunciaba que Galiza estaba “convertida nunha verdadeira colonia da corte”. Esta revolución de abril de 1846 rematou, desgraciadamente, o 26 de abril, co fusilamento en Carral, dos “Mártires da Liberdade”. “Estamos ante un fito histórico que estaba colocando os alicerces do nacionalismo soberano e emancipador de hoxe”, explicou Anxo Louzao, na rolda de prensa da convocatoria da manifestación.

“Por iso, desde Vía Galega, consciente da necesidade de lembrar e recoñecérmonos na nosa historia que durante cinco séculos se nos negou, ocultou ou manipulou, optamos por, como xa o fixemos o ano pasado, por convocar manifestación nacional baixo o lema: “Somos unha nación”. Ademais de lembrar e recoñecer esta efeméride da nosa historia, é motivación fundamental desta mobilización “esixir os nosos dereitos nacionais, como nación que somos”. “Non só temos todos os trazos que definen a unha nación, senón que temos a vontade de existir politicamente; somos unha nación disposta a responsabilizarnos do noso futuro como Pobo, sen subordinación nin dependencias, e pretendemos desterrar a falacia de que somos un País subsidiado”, explicou. “Mais, o que si somos é un País oprimido, explotado e negado; e por iso, esiximos exercer o dereito inalienábel que lle asiste as todas as nacións do mundo: o dereito á autodeterminación, o dereito a decidir por nós mesmos e mesmas”, engadiu o portavoz de Vía Galega, “porque é única maneira de garantir un futuro sen emigración, maior benestar social e traballo digno para todos e todas”.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal