ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Plantación de teixos na Eira da Xoana

06-03-2021

Plantación de teixos na Eira da Xoana

O sábado 6 de marzo, a asociación ecoloxista ADEGA e a Fundación Eira, coa colaboración de Bodegas Lodeiros e o LIFE Baccata do IBADER (USC), realizarán unha plantación de teixos para poñer en valor esta árbore milenaria que está a desaparecer do noso territorio.
A repoboación de teixos, que terá lugar en parcelas custodiadas pola Fundación Eira en Ramil (Agolada), servirá de experiencia piloto para promover unha campaña de maior envergadura que será impulsada por esta Fundación e ADEGA. A campaña chamarase “O teixo: tempo ao tempo” e tratará de poñer en valor esta especie de árbore de crecemento lento que posúe un elevado simbolismo na cultura de Galiza. Asemade, a campaña servirá de metáfora para reivindicar un estilo de vida pausado, que sexa respectuoso co medio natural, cos hábitats e coas especies, acompañando os tempos da natureza dándolle tempo a o tempo.

Para esta actividade contamos coa participación de Bodegas Lodeiros, que a través do seu Proxecto Camiño Natural, inician, por unha banda, unha aposta pola sustentabilidade na produción e elaboración dos seus produtos; e por outra, colaboran con diferentes entidades ecoloxistas e ambientais na realización de accións que teñan como obxectivo a conservación de hábitats e especies en situación de vulnerabilidade.
Contamos tamén co asesoramento e colaboración do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), pertencente á USC e impulsor do proxecto LIFE Baccata que pretende traballar pola conservación e restauración do hábitat prioritario do teixo, actualmente ameazado e en regresión, aplicando medidas de protección e xestión forestal necesarias que promovan a mellora do estado de conservación e restauración do teixo e dos teixedais, fomentando a súa rexeneración natural, e o das especies de flora e fauna que os habitan, contribuíndo a frear a perda de biodiversidade.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal