Inicio / Axenda / Outras actividades / Concentración pola retirada urxente do...
21-09-2016
"Lugo de Cara ao Miño", plataforma da que forma parte ADEGA, convoca á cidadanía lucense a unha concentración o vindeiro mércores (último día do verán) diante do Concello, ás 20.30 h, para esixirlle ao goberno local que retire de forma urxente e voluntaria o dique ilegal do río Miño, ante o risco de desmoronamento da infraestrutura. Como promotor das obras e principal valedor dos dereitos e intereses dos cidadáns de Lugo, a plataforma considera que é obriga do Concello evitar riscos innecesarios que poderían derivar en graves prexuízos para a cidade e para o propio río Miño.
Se o dique non se retira antes de que remate a estiaxe do río (o ano pasado rematou o 19 de outubro), a ataguía ilegal tería que permanecer no leito fluvial un ano máis (ata o vindeiro período de estiaxe), sen que haxa garantías de que a infraestrutura resista as novas enchentes e as fortes chuvias de inverno, que poderían arrastrala río abaixo.
Tanto o Concello de Lugo (promotor) como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (órgano sustantivo) admiten que existe ese risco e, sen embargo, non están a tomar as medidas de urxencia que as circunstancias esixen.
No acto darase conta das nosas reivindicacións e tamén se informará das presións sufridas pola plataforma e algunhas das persoas que a integran por opoñerse a este proxecto e esta obra ilegal.
Tamén haberá SORPRESAS...
Anímate a participar e difunde!
Convida aos teus amigos/as do facebook desde o evento da plataforma: https://www.facebook.com/events/183478812077819/
(deseño cartel www.carmenpggranxeiro.com)
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal