ADEGA

Inicio / Axenda / Outras actividades / Celebración dos 10 anos da...

28-04-2016

Celebración dos 10 anos da restauración do Monte da Fraga

O próximo día 28 de abril a Oficina de Medio Ambiente da UDC xunto con ADEGA invitámosvos a celebrar o X Aniversario da restauración do Monte da Fraga. Este espazo situado entre as facultades de Ciencias e Filoloxía (A Zapateira) era un eucaliptal que foi talado hai agora 10 anos para recuperar a fraga tradicional do lugar. Poderás ver como saen arriba máis dunha ducia de especies autóctonas dos nosos bosques.

Será unha xornada na que organizaremos diferentes actividades: Pola mañá Elvira Sahuquillo, profesora do Departamento de Botánica da Facultade de Ciencias, guiaranos polo Monte da Fraga e explicaranos a historia desta iniciativa de restauración levada a cabo na UDC.
A mediodía a OMA organiza un picnic, nos arredores da Charca do Monte da Fraga ao que estades todas e todos convidadas. Nós poñemos uns pinchos, trae ti tamén algo e compartimos entre todas as persoas participantes!
Haberá agasallos recordatorios da xornada e tamén música tradicional, trae o teu instrumento!!
Xa pola tarde, ADEGA levará a cabo unha xornada de voluntariado ambiental de eliminación de flora exótica invasora no Monte da Fraga. O obxectivo desta actividade é coñecer a problemática das Especies Exóticas Invasoras (EEI), responsables da perda de biodiversidade da nosa contorna. Esta xornada de traballo comezará cunha charla introdutoria a cargo de Paco Bañobre (ADEGA), sobre a problemática e o método de traballo coas EEI no salón de actos da Facultade de Ciencias ás 15:30 h, e a continuación achegarémonos ao Monte da Fraga a realizar os traballos de eliminación que se estenderán ata as 18:30 h.

As prazas son limitadas, polo que será necesaria a inscrición previa. Ademais durante todo o día, poderase visitar a Exposición sobre EEI elaborada polo grupo de Bioloxía Costeira (BIOCOST) da UDC, localizada na Praza da Fraga. Despois de esta xornada, poderédela atopar na Escola Universitaria de Arquitectura Técnica ata o día 12 de maio.

Programa

12:00h Apertura da Exposición de Especies Exóticas Invasoras. Presenta Grupo BIOCOST, UDC. Lugar: Praza da Fraga.

13:00h Roteiro e Historia dos 10 anos do Monte da Fraga*.
Guía Elvira Sahuquillo, UDC. Punto de encontro: Entrada principal da Facultade de Ciencias.

14:00h Picnic e animación con música tradicional.
Lugar: Monte da Fraga, área da Charca.

15:30 - 18:30h Xornada de voluntariado ambiental: Eliminación de Especies Exóticas Invasoras*.
Organiza ADEGA.

  • 15:30h: Presentación da xornada: Salón de Actos da Facultade de Ciencias.
  • 16:30h: Traballo de campo

*
Inscricións en oma3@udc.es, indicando a que actividade te queres anotar (Roteiro/Eliminación/Todas), o teu nome completo e DNI.

O X Aniversario do Monte da Fraga é unha celebración ao aire libre: dependerá da previsión meteorolóxica, polo que se chove moito, adiaremos a actividade, nese caso anunciarase no Blog e Facebook da OMA. Estade atentas e atentos...!

Para máis información e imaxes de actividades realizadas pola OMA e ADEGA no Monte da Fraga, premede nas seguintes ligazóns:

-III Premios ao voluntariado universitario: "Voluntariado ambiental no Monte da Fraga"  https://www.youtube.com/watch?v=PLFpcQvtUhw

-Base de datos de códigos QR do Monte da Fraga https://basededatosmontedafraga.wordpress.com/

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal