27-02-2016
Manifestación nacional contra a Lei de Acuicultura do PP
O sábado 27 de febreiro dende a Alameda de Compostela até o Obradoiro, colectivos de mariscadores/as, confrarías, ecoloxistas sairemos á rúa en defensa do noso mar e pola retirada da Lei de Acuicultura do PP.
O anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galiza presentado pola Xunta do PP foi amplamente rexeitado polos colectivos do sector e acadou o rexeitamento unánime dos grupos ecoloxistas. Eis 10 razóns:
- É unha Lei de filosofía neo-liberal, pensada para privatizar o mar, sen nengún tipo de restricións.
- Está pensada para a gran industria acuícola -Stolt-Nielsen e Pescanova- e posiblemente negociada con eles.
- O marco normativo pretende que compitan os sectores tradicionais coas multinacionais en base a criterios estritamente económico-financeiros e tecnolóxicos e de aproveitamento máximo do recurso, sen considerar a capacidade de carga e o mantemento dos ecosistemas acuáticos.
- Declárase a actividade industrial acuícola de interese público polo que se poderá expropiar a franxa litoral que precisen as empresas.
- Elimínase a posíbel intervención dos concellos, mediante a declaración de supramunicipalidade dos macropolígonos acuícolas.
- Elaborouse de costas aos sectores produtivos, grupos ecoloxistas, científic@s,...
- Promove a intensivización “aproveitamento máximo do potencial marisqueiro” pola vía da transformación das zonas de marisqueo –actividade extractiva de baixo impacto- en parques acuícolas con técnicas de produción industrial.
- Elimínase a obrigatoriedade da avaliación ambiental das instalacións.
- Permítese a ubicación de plantas acuícolas en espazos naturais protexidos: non hai zonas de exclusión.
- Vai producir unha degradación ambiental do mar e dos ríos como consecuencia dos contaminantes (produtos químicos, farmacolóxicos e materia orgánica), do cruce coas especies silvestres, do posíbel escape de especies foráneas (invasoras, exóticas,...), etc.
ADEGA xunto coa FEG e outras asociacións ambientalistas apoiamos esta mobilización e estaremos presentes na Alameda de Compostela ás 11:30 con faixas reivindicativas.
EN DEFENSA DO MAR, NON Á LEI DE ACUICULTURA!
Ligazóns