Inicio / Axenda / Outras actividades / ADEGA estará na Feira Ecolóxica de...
Do 14-11-2015 ao 15-11-2015
A vindeira fin de semana, 14 e 15 de novembro, ADEGA participará na Feira ecolóxica de Terractiva, en Arzúa. Como todos os anos, ADEGA levará o seu posto informativo que estará situado nos stands de asociacións, pero tamén levará a exposición sobre a compostaxe doméstica e comunitaria de residuos orgánicos.
O sábado pola tarde, a vogal de residuos de ADEGA, María Lafuente, realizará ademais unha visita guiada da mostra sobre compostaxe, na que explicará en que consiste esta forma de aproveitamento da materia orgánica que xeramos nos nosos domicilios, as súas vantaxes e posibles aplicacións.
Se queres coñecer outros proxectos que estamos a desenvolver, as nosas campañas reivindicativas, ou as actividades na que podes axudar ou colaborar como voluntario/a, pásate por Terractiva e acude ao posto de ADEGA. Alí recibirás toda a información que precises.
Esta é a duodécima edición da Feira Ecolóxica de Terractiva organizada por Culturactiva no recinto ferial de Arzúa. É a maior feira de produtos e servizos ecolóxicos de toda Galiza e nela participan, ademais de entidades e asociacións do sector, empresas, pequenos produtores, e produtores locais de produtos ecolóxicos, tradicionais ou artesáns.
Terractiva ademais ofrece un completo programa de obradoiros, charlas, actuacións, demostracións e actividades lúdicas que poderás consultar no seu programa en: http://www.terractiva.org/
O sábado, o recinto feiral abrirá ao público de 11.00 a 21.00 horas; e o domingo, de 11.00 a 20.30 horas.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal