ADEGA

Inicio / Axenda / Outras actividades / Mesa redonda sobre Altri en Lugo

02-12-2025

Mesa redonda sobre Altri en Lugo

Co obxectivo de achegar unha visión clara e rigorosa sobre a problemática asociada ao proxecto da macrocelulosa de Altri, a Plataforma Ulloa Viva organiza unha mesa redonda o martes 2 de decembro ás 20:00 h no Salón de Actos da Deputación de Lugo.

A convocatoria enmárcase baixo o lema da vindeira manifestación cidadá: Dende a Ulloa ata o mar, polas que somos e as que virán. Nesta xornada participarán voces expertas na análise técnica e social do proxecto:

  • Patricia Coucheiro, voceira da Plataforma Ulloa Viva, analizará o movemento de oposición veciñal ao proxecto.
  • Xocas Rubido, portavoz da Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa (PDRA), achegará a visión desde a ría máis produtiva de Galiza, hoxe inmersa nunha crise sen precedentes, e analizará por que a instalación deste complexo suporía o seu colapso definitivo.
  • Ana Isabel García Arias, coautora do apartado socioeconómico do informe do Consello da Cultura Galega (CCG), abordará os impactos que este proxecto tería sobre o tecido económico da zona.
  • Ana F. Santamariña, unha das autoras das alegacións de ADEGA no apartado de augas da AAI e da autorización de verteduras, presentará unha síntese das principais presións que a macrocelulosa exercerá sobre o río Ulla.
Convidamos a todas as socias e á cidadanía interesada a asistir e a difundir este acto informativo. ALTRI NON!

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal