Inicio / Axenda / Outras actividades / Ruta en barco avistamento de aves
07-09-2025
O obxectivo desta saída en barco é dar a coñecer a importancia da ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) “Corredor Migratorio Galaico-Cantábrico Occidental” e das aves mariñas que o percorren durante as súas migracións, así como os potenciais impactos da despregadura da eólica mariña para estas especies. Ao longo de 8 horas a bordo da goleta histórica Evangelina, e da man dun ornitólogo experto e unha oceanógrafa, observaremos as aves mariñas que durante esta época do ano percorren este corredor migratorio que abrangue a plataforma continental galega. Navegaremos cara o sur, fronte á costa de Cabo Silleiro, a algunhas millas de onde se atopa un dos polígonos ZAPER (Zona de Alto Potencial para Enerxía Renovable) e coñeceremos os potenciais riscos da instalación de aeroxeradores flotantes para os ecosistemas mariños.
Apto para todas persoas sen dificultades motoras. As persoas menores de idade deben ir acompañadas dunha persoa adulta responsable. O barco ten capacidade para 12 persoas + tripulación, e dispón de baño.
O prezo é de 70€ para persoas socias de ADEGA e de 100€ para non persoas non socias. Unha vez enviada a inscrición, poñerémonos en contacto contigo para confirmar a reserva da túa praza e facilitaremos os datos para efectuar o pagamento.
Se se anula a praza reservada con máis de 7 días de antelación, reintegrarase o importe se existen persoas en lista de agarda ou se propón substitución. Para as anulacións con menos de 7 días de antelación, non será posible o reintegro. No caso de cancelación por mal tempo* proporase outra data ou reembolsarase o prezo abonado.
*A saída cancelarase no caso de condicións meteorolóxicas adversas, como ondas de 1,5 m ou máis, cun período igual a 12 segundos, vento superior a 16 nós (forza 4 e chuvia intensa superior a 5 l/m2/h
A travesía ten unha duración de 8 horas. Cada persoa deberá traer a súa comida para todo o día. Recoméndase levar roupa “a capas”: roupa fresca e tamén de abrigo, polar, chuvasqueiro ou cortaventos, gorra e gafas de sol. Non esquecer a crema solar. O barco dispón de baño. Se se ten tendencia ao mareo é recomendable tomar pastillas para o mareo media hora antes da saída. Importante ler o prospecto (posibles efectos secundarios como somnolencia e contraindicacións). Para evitar o mareo é tamén recomendable tomar un bo almorzo, con alimentos sólidos (pan, froitos secos, etc.) e manter o estómago cheo durante toda a travesía.
Para máis información, non dubides en escribir un e-mail a adegavigo@adega.gal.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal