14-08-2025
ADEGA inaugura o próximo xoves, 14 de agosto, na praza do concello de Muros, a exposición "ADEGA, 50 anos coidando a terra", que conmemora o seu medio século de traxectoria na defensa do medio ambiente galego. O acto dará comezo ás 12:00 h coas intervencións de ADEGA e de entidades colaboradoras, e proseguirá cunha visita guiada polos 16 paneis que compoñen a mostra, a cargo do secretario técnico de ADEGA, Fins Eirexas. A exposición poderá visitarse ata o 26 de agosto.
Esta mostra foi realizada grazas ao apoio da Deputación provincial da Coruña e a colaboración de socias e simpatizantes que axudaron a configurala. A iniciativa enmárcase nunha xeira de actividades conmemorativas que ADEGA ten previsto desenvolver ata finais de ano por todo o territorio galego co obxectivo de poñer en valor a traxectoria da propia organización, mais sobre todo daqueles fitos e loitas ecoloxistas que marcaron o devir presente e futuro do noso pobo e da nosa terra, así como favorecer o coñecemento e o activismo ambientalista entre as xeracións máis novas.
Logo da súa estadía en Muros, a mostra percorrerá varias vilas e cidades galegas, entre elas, os municipios de Arzúa, Valdoviño e Santiago.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal