ADEGA

Inicio / Axenda / Outras actividades / Roteiro interpretativo na lagoa de Mol

22-06-2025

Roteiro interpretativo na lagoa de Mol

A delegación de ADEGA Vigo-O Morrazo organiza, este domingo 22 de xuño, un roteiro na lagoa de Mol, nacemento do río Lagares na parroquia de Cabral. O punto de encontro será na entrada do Aeroclub de Vigo ás 11h da mañá.

O nacemento do río Lagares: un espazo de alto valor natural ameazado

A lagoa de Mol, espazo incluído no Inventario de zonas húmidas de Galicia,  está rodeada por bosque aluvial e brañas, hábitats catalogados como prioritarios na Directiva de Hábitats da Unión Europea, constituíndo o hábitat de numerosas aves, anfibios e réptiles catalogados como especies ameazadas. Con todo, este espazo non conta con ningunha figura de protección, sendo obxecto de constantes ataques medioambientais cometidos polos titulares dos terreos en forma de cortas do bosque de ribeira, verteduras e mesmo desvío do curso do río e canalización das brañas para a súa drenaxe. Ademais, falamos dun espazo cuxo uso e desfrute para o total da cidadanía está moi limitado, xa que está monopolizado polo campo de golf que goza da concesión.

Coñecer o que temos para protexer os nosos espazos naturais

Con este pequeno roteiro, dende ADEGA Vigo-O Morrazo, pretendemos dar a coñecer a quen se anime a achegarse este pequeno reduto natural do que un día foi o río Lagares, dando inicio a unha proposta de posta en valor do noso río máis emblemático. Para iso, o formato será de tipo interpretativo, tentando identificar o maior tipo de especies de flora e fauna, dando conta do alto valor ecolóxico do lugar e facendo un chamamento ante o risco de que se estean a planificar e executar actuacións que poidan danalo ou modificalo de xeito irreparábel e esixindo recuperar para a cidadanía este espazo natural.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal