ADEGA

Inicio / Axenda / Almanaque / Roteiro polo Courel: Dende Paderne ao Val das...

01-12-2024

Roteiro polo Courel: Dende Paderne ao Val das Mouras (Nova data! 1 de decembro)

Percorreremos camiños milenarios entre as aldeas de Paderne, Mercurín e Ferrería Vella, por vastos soutos de castiñeiros vellos. Arriba no máis alto o Castro de Brío, miradoiro senlleiro coroado de aciñeiras sobre as do terras do río Pequeno e do Lor. Remataremos na máis sobranceira de todas as forestas, no labirinto enfeitizado dos Entaladoiros no Val das Mouras, onde se confunden as carochas dos castiñeiros cos penedos ergueitos.

Percorrido: 10 km
Tempo do percorrido: De catro a cinco horas.
Altitude en Paderne no punto de saída: 900 msnm
Punto máis alto no Castro de Brío: 1053 msnm
Punto máis baixo na Ferrería Vella: 520 msnm
Dificultade media , pero con tramos moi costentos e esvaradíos tanto nas subidas como nas baixadas, que requiren unha condición física media.

Compre levar calzado axeitado, e chuvasqueiro no caso de previsións meteorolóxicas desfavorables. 

O autobús sairá ás 9h dende Avenida de Ramón Ferreiro (Fac. Formación do profesorado), Lugo.

O programa de roteros "Auga: O quebracabezas da vida"

  • 22 Decembro. Corro dos Mouros/Penarrubia
  • 19 de xaneiro. A Pontenova
  • 16 de febreiro. Castroverde / A horta do Rei
  • 16 marzo. Santo Estevo do Ermo
  • 20 abril. Ancares por Terras do Val do Ser
  • 11 de maio. Carballeda de Valdeorras
  • 15 de xuño. Arousa. ALTRI NON.

Información e reservas

Na propia bitácora de Roteiros de ADEGA-Lugo irase actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar a reserva.

As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 13h do venres anterior ao roteiro.

Cubriranse as prazas por orde de inscrición.

Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos.

Prezo xeral: 22€; Socios/as de ADEGA: 15€; Estudantes ou en paro: 17€; ata 14 anos: 6€.


Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal