Inicio / Axenda / Educación ambiental / Exposición sobre especies exóticas invasoras en...
Do 07-10-2024 ao 21-10-2024
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, continúa coas actividades enmarcadas no Proxecto Fluviatilis, que ten como obxectivo dar a coñecer os problemas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais, así como promover actitudes e comportamentos que derivan nunha mellora dos ríos.
Este luns 7 de outubro, ADEGA fará unha nova parada nos centros educativos coa exposición sobre especies exóticas invasoras 'Unha invasión silenciosa. A biodiversidade baixo ameaza'. En concreto, ADEGA instalará esta mostra no IES Pintor Colmeiro de Silleda e fará unha visita guiada o día 21 de outubro, último día da exposición no centro.
Deste xeito, a asociación ecoloxista amosará ao alumnado a problemática das especies invasoras para os ecosistemas fluviais e tamén desde o punto de vista económico e para a saúde humana; e daranse a coñecer as principais especies presentes nos ríos de Galiza.
As actividades de educación, sensibilización e educación ambiental dirixidas a diferentes públicos, incluídos os centros educativos, son unha das propostas do Proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal