ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro polas fragas do Alto Eume (Muras)

16-06-2024

Roteiro polas fragas do Alto Eume (Muras)

Partiremos da Área Recreativa da Veiga, ao pé do Eume no núcleo de Muras. Subiremos ao Burgo e meterémonos nun camiño que transcorre paralelo ao río (río abaixo). Preto da aldea da Beira do Río subiremos entre frondosas ata Carracedo. Dende este lugar seguiremos cara á Aldea Etnográfica de Carelle Grande a través de camiños entre pasteiros. Dende aquí tomaremos o camiño de volta cara ao Burgo e Muras, por unha ruta inicialmente de monte baixo e despois de novo por unha frondosa fraga. Daremos fin ao roteiro achegándonos pola beira de río (río abaixo) dende a Área Recreativa da Veiga ata toparnos cuns carballos de gran porte.

Lonxitude: 12 km Dificultade: media-baixa
Ver ruta:
https://es.wikiloc.com/wikiloc/user.do?id=2831480&utm_medium=app&utm_campaign=share&utm_source=2831480

O programa de roteiros "As montañas, gardiás da nosa historia"

Os Roteiros de ADEGA-Lugo son andainas pola Natureza que organiza a delegación de Lugo da organización ecoloxista ADEGA desde hai máis de 20 anos e que están dirixidas á poboación de todas as idades, co obxectivo principal de achegar as persoas á súa contorna natural para que coñezan os valores naturais, patrimoniais e culturais que enriquecen e identifican o noso territorio. 

Este será o último dos roteiros deste curso 2023/24. Xa estamos traballando no programa de roteiros do curso 2024/25 que comezará a partir do outono.   

Reserva a túa praza!

Na propia bitácora de Roteiros de ADEGA-Lugo irase actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar a reserva.

As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 13h do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.

Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos.

  • Prezo xeral: 22€
  • Socios/as de ADEGA: 15€
  • Estudantes ou en paro: 17€
  • ata 14 anos: 6€.
Para máis información, tamén se pode chamar ao teléfono 982 240299 ou escribir a adegalugo@adega.gal.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal