ADEGA

Inicio / Axenda / Outras actividades / Encontro Burla Verde en Sabucedo

29-04-2023

Encontro Burla Verde en Sabucedo

Máis de 50 colectivos galegos, entre os que está ADEGA, apoian e colaboran con este encontro cultural e reivindicativo para unha transición enerxética real, que terá lugar o vindeiro 29 de abril en Sabucedo. Este día, xuntarémonos nun grande encontro nacional en Sabucedo (A Estrada) contra a gran burla verde da transición enerxética, contra a depredación dos nosos montes e ríos, pola defensa da terra e da vida. Unha xuntanza de convivio, loita e festexo da que nos facemos eco desde ADEGA.

As entidades afitrionas desta primeira edición do Encontro Burla Verde son, entre outras, Rapa das Bestas de Sabucedo, SOS Suído Seixo, Colectivo do Vento, Asociación Veciñal e Sociocultural Ambiental Alarma na Terra de Montes e A de Rousmeri Caroi.

Programa festivo-formativo-reivindicativo

Entre as principais actividades destacan a mediodía a misa de romaxe para dar a benvida aos asistentes antes de proceder a sesión vermú e o xantar de confraternidade no que se disporá de carpa con polbo e tamén de food trucks.

Xa pola tarde terán lugar diversas mesas redondas onde abarcar desde diversas perspectivas a actual situación de asoballamento das eólicas tanto no mar coma na montaña e as mineiras.

En paralelo celebraranse espectáculos varios o longo da tarde para todas as idades. Exposicións fotográficas, concertos, teatro, conta contos,...

E o prato forte terá lugar as 21h co Curro-Cabaré que se celebrará no curro de Sabucedo con xente do mundo da cultura. Durante toda a xornada, as asociacións e colectivos participantes disporán de espazos propios (pendellos) para expoñer as súas loitas e proxectos. Tamén se disporá dunha zona de acampada.

Son numerosos os e as artistas confirmadas nos diferentes concertos e que en vindeiras datas se irán facendo públicos. Como adianto dende a organización confirmouse a presenza de: Mounqup, O Rabelo, Sonoro Maxin, Garcia Mc, Toma de Terra, O Leo de Matamá, Maria Lado e Lucia Aldao, Guadi Galego, Xoan Curiel, Uxía Senlle, Xurxo Souto, Jasper, Isabel Risco, NOGA, Aloumiños do Bosque, Peter Punk e Anxo Moure.

Entre os colectivos que apoian está ADEGA a cal estará presente cun posto de ADEGA-Vigo.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal