Páx. 36 - 37
O territorio galego é na súa maioría monte, un monte moi dividido con máis de 600000 propietarios, o cal sumado a que os donos viven afastados do mesmo, provocou que non se fixera unha boa xestión do mesmo. Agora a Consellería do Medio Rural do bipartito, ven de aprobar unha figura con personalidade xurídica que pode cambiar a situación, as UXFOR Unidade de Xestión Forestal, e que van permitir a eses pequenos propietarios facer unha boa xestión do mesmo que permita loitar contra os lumes que tanto dano fan en Galiza cada verán.
Páx. 30 - 31
Os PXOUs ou PXOMs son os Plans Xerais de Ordenación Urbana ou Municipal, un instrumento do que dispoñen os concellos para, moito máis aló de ordenar o crecemento urbanístico ou o desenvolvemento rural, a ordenación do territorio: cales van ser os seus usos, incluíndo temas esenciais como economía, medio ambiente, infraestruturas, etnografía… ou mesmo a calidade de vida da veciñanza. Paralelamente leva consigo unha normativa que rexerá as futuras actuacións.
CERNA Nº 58 - Crónica: O incerto futuro de ENCE en Galiza
Páx. 14 - 15
O Estado español ten entre 3 e 5 millóns de vivendas baleiras. A pesares diso nos últimos anos duplicouse o número de vivendas construídas, pasaron de ser 10 a 20 millóns. Son os datos que ilustran o descontrol e a devastación do urbanismo e dos que se fixo eco o Parlamento Europeo para criticar por primeira vez na historia o delirio urbanístico do territorio español no seu conxunto. Tras recibir máis de 20.000 denuncias de particulares e asociacións españolas na Comisión de Peticións sobre uns 180 proxectos urbanísticos insostíbeis e prexudiciais para o interese xeral dos cidadáns, a parlamentaria danesa polos Verdes, Margrete Auken, abandeira un informe no que rexeita a caótica situación e insta ás autoridades públicas a reconducir a súa actitude e a actuar con responsabilidade.
CERNA Nº 59 - Mar: do litoral ás profundidades
Páx. 26 - 27
As grandes empresas apodéranse do territorio xustificando “servizos á sociedade”. Así é considerado o termo de Utilidade Pública. En principio, debería ser o Estado quen fornecese deste amparo a toda a cidadanía, pero cando a Administración non pode atender a todas as necesidades e servizos, estes son privatizados, ao menos esa é a xustificación. Polo tanto, o Estado perde funcións, mentres que as grandes empresas substitúeno na atención ao cidadán en materias como o abastecemento enerxético, a minaría ou a alimentación, entre outras.
CERNA Nº 61 - Lei do solo: Legalizar a especulación
Páx. 12 - 13
O pasado 23 de Marzo, tras un trámite parlamentar inexplicabelmente acelerado, quedaba aprobada, cos únicos votos en contra do BNG e coa abstención do PSOE decidida a última hora, unha nova modificación da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galiza, que entrou en vigor o 21 de abril. Con ela, e coa perda da funcionalidade da Axencia galega para a protección da legalidade urbanística, a equipa do Sr. Feijóo suma un éxito máis na súa política de recuperar rede clientelar a conta dos recursos do país desmantelando para iso todo o bo que tiña iniciado o bipartito, como os avances cara unhas Directrices de Ordenación do Territorio (DOT), que servisen de base para o desenvolvemento de calquera outra política.
CERNA Nº 61 - Lei do solo: Legalizar a especulación
Páx. 14
Dos 78 concellos costeiros galegos só 4 teñen planeamento urbanístico adaptado á Lei do Solo do 2002, e Barreiros non é un deles. Réxese polas Normas Subsidiarias de 1994, que non establecen distinción entre solo urbano consolidado e non consolidado, favorecendo un modelo de urbanismo que se limita a erguer vivendas en todas as parcelas, sen ter en conta a cualificación do solo nin os servizos dos que está dotado. Este modelo practicouse con intensidade en Barreiros, ante a permisividade da administración autonómica, ata o punto de que só durante o ano 2006 o Colexio de Arquitectos de Lugo chegou a visar proxectos de edificación para máis de 6.500 novas vivendas, cando a poboación de Barreiros rolda os 3.500 habitantes. Agora o alcalde de Barreiros enfróntase á denuncia do Fiscal e a decenas de contenciosos - administrativos interpostos polo anterior goberno e que a actual Xunta estuda retirar, feito que de confirmarse constituiría unha escandalosa arbitrariedade e trato desigual para coa cidadanía e os promotores que cumpriron coa legalidade.