ADEGA Publicacións

Radio CERNA

Inicio / Material divulgativo / Roteiros de Adega Lugo

Roteiros 2013: A auga nos espazos naturais lucenses

ADEGA-Lugo será a encargada de dirixir os roteiros que organiza a Área de Medio Ambiente da Deputación de Lugo neste último trimestre de ano. Os roteiros serán mensuais e estarán dedicados á AUGA nos espazos naturais lucenses. Visitaremos espazos ou territorios recoñecidos ambientalmente como Reservas da Biosfera ou Rede Natura. As andainas de outubro e novembro percorrerán as montañas orientais da provincia de Lugo, a Serra do Courel e os Ancares; e o terceiro será por terras chans, en Guitiriz. O obxectivo é coñecer a AUGA en varias das súas formas e funcionalidades nos espazos naturais lucenses. Darémoslle sentido a través do noso ollar as evocacións que titulan este programa de roteiros e que suxiren diversas interpretacións: "augas levadas", "augas que furan" e "augas que curan". Os roteiros organizados pola Deputación de Lugo e dirixidos por ADEGA serán de balde. Para participar, debes cumprimentar o formulario destinado a tal efecto que atoparás en www.deputacionlugo.org (na sección "Terras do Miño"). A reserva debe facerse con 4 días de antelación como mínimo. Se tes algunha dúbida, podes contactar tamén con ADEGA-Lugo no 982240299.

Descargar

Programa de Roteiros 2012/2013

ADEGA Lugo vén de presentar o seu programa de roteiros para o curso 2012-2013 que, desta volta, estará dedicado de novo a descubrir lugares máxicos, encantados ou marcados por algunha lenda ou tradición oral. Dado o éxito da primeira edición do programa “A Galiza Máxica. Un país de lendas”, na que participaron unhas 500 persoas, e por votación maioritaria dos seus socios e socias, ADEGA-Lugo dá continuidade a esta temática como eixo arredor do cal vai xirar os roteiros do ciclo 2012-2013. Os roteiros de ADEGA Lugo están concebidos como unha actividade de ocio e divertimento, pero tamén de divulgación e reivindicación ambiental. A través deste ciclo de roteiros dedicados á Galiza Máxica, ADEGA mostrará aos viandantes diferentes elementos naturais e paisaxísticos que forman parte, non só do espazo físico, senón do imaxinario popular, no que aínda viven e se desenvolven seres míticos e fantásticos que chegaron aos nosos días a través das lendas. A Galiza Encantada é o legado das crenzas e costumes dos nosos devanceiros e a través dela aprendemos a convivir coa natureza e a respectar o territorio no que vivimos. Desde a perspectiva reivindicativa, os roteiros de ADEGA Lugo servirán para reclamar máis atención das autoridades á preservación destes elementos patrimoniais non materiais, a través da promoción literaria, da investigación, da posta en valor e da conservación dos símbolos naturais e do espazo físico que os sustenta. A destrución do territorio físico tamén leva consigo a desaparición de moitos lugares míticos ou símbolos da Galiza máxica que hoxe en día están a esmorecer. ADEGA-Lugo quere contribuír de forma activa a que os galegos e galegas coñezan estes elementos naturais e máxicos presentes aínda na nosa xeografía e na nosa memoria colectiva como testemuñas dunha visión particular do mundo. Durante os próximos oito meses iremos na busca da Porta do Alén en Guitiriz, da trabe d’ouro no Incio, dos encantamentos do Sil en Doade, do Santo Grial no Cebreiro, dos tesouros de Feranzos na Mariña e dos misterios de Santa Mariña de Augas Santas en Allariz e do Pico Sacro en Compostela. O primeiro roteiro terá lugar o 11 de novembro e percorrerá a Serra do Courel na busca do Apalpador. O roteiro rematará cun magosto en Ferreirós de Abaixo.

Descargar

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal