ADEGA Cadernos

Inicio / Números anteriores / Caderno nº 12 - Depuración...

Outubro 2005

Caderno nº 12 - Depuración de augas residuais

Artigos do Caderno nº 12

Resumo

Manuel Soto

Páx. 5 – 10

O modelo de saneamento maniféstase non sustentábel, desde a dobre perspectiva económica e ambiental. Compre pois un debate en profundidade sobre saneamento e controle da contaminación, incluíndo a prevención da contaminación, a redución do consumo de auga, e a promoción de sistemas máis sinxelos, naturais e de baixo custo para a depuración. Nese sentido, este caderno complementa os contidos do número anterior, e aborda cuestións relativas ao desenvolvemento e promoción de tecnoloxías naturais para a depuración de augas residuais, centrándose na dixestión anaerobia e nas zonas húmidas construídas, e describe a súa aplicación e viabilidade a zonas rurais e en xeral a núcleos ou áreas duns poucos miles de habitantes.

Características das augas residuais urbanas

Xoán A. Ávarez, Manuel Soto

Páx. 11 – 22

As variábeis que determinan a composición e o caudal das ARU son os hábitos da poboación en canto a alimentación, hixiene, utilización dos recursos, etc., a recollida ou non de pluviais na rede de sumidoiros e a maior ou menor achega de efluentes industriais ou do comercio. Todo isto fai que as ARU presenten diferencias na caracterización dependendo das circunstancias concretas de cada zona. Neste capítulo centrarémonos en avaliar as características das augas residuais urbanas, expoñendo primeiramente unha serie de datos de referencia e revisando despois os datos dispoñíbeis para os vertidos de diferentes localidades galegas.

Tratamento anaerobio de augas residuais. Aplicación a efluentes urbanos

Xoan A. Álvarez e Manuel Soto

Páx. 23 – 32

O tratamento anaerobio baséase na dixestión da materia orgánica por parte de microorganismos anaerobios presentes en augas e lodos que non conteñen oxíxeno, obténdose como resultado desta degradación metano e dióxido de carbono, e trazas de sulfuro de hidróxeno, amoníaco, nitróxeno, etc. Esta situación prodúcese de forma natural nas augas semiestancadas, ou en leitos onde unha gran cantidade de materia orgánica esgota o oxíxeno existente. Os autores deste artigo explícannos máis detalladamente o funcionamento deste tipo de tratamento e cales son as súas aplicacións.

Tratamento anaerobio de augas residuais urbanas en planta piloto

Xoán A. Álvarez, Isabel Ruiz, Mariano Gómez e Manuel Soto

Páx. 33 – 48

Desenvolvementos recentes do proceso anaerobio no tratamento de augas residuais urbanas deben o seu éxito o concepto do reactor UASB (upflow anaerobic sludge blanket). Existen numerosos exemplos da aplicación con éxito de dixestores UASB a gran escala tratando augas residuais en países tropicais, onde a temperatura da auga residual está por enriba de 20ºC, como en Brasil (Florencio et al., 2001), Colombia (Schellinkhout e Collazos, 1992) ou India (Kalker et al., 1999). Polo tanto, a dixestión anaerobia pode ser considerada como unha alternativa tecnolóxica consolidada nestes países. Nos países de clima frío ou temperado, a temperatura da auga residual sitúase no rango de 10 a 20ºC, e a viabilidade económica e ambiental da dixestión anaerobia require a súa aplicación a esa temperatura ambiente, prescindindo do quecemento do influente. A operación dos dixestores anaerobios a estas temperaturas psicrofílicas require máis investigación, especialmente no que respecta á operación a escala piloto ou industrial. Neste artigo recóllese o funcionamento deste sistema de tratamento de augas residuais nunha planta piloto.

Depuración con sistemas naturais: humidais construídos

Joan García, Jordi Morató e Josep M. Bayona

Páx. 49 – 56

Os humidais construídos son sistemas pasivos de depuración constituídos por lagoas ou canais pouco profundos (normalmente de menos de 1 m) plantados con plantas propias de zonas húmidas (macrófitos acuáticos) e nos que os procesos de depuración son executados simultaneamente por compoñentes físicos, químicos e biolóxicos. Estes humidais tamén se poden utilizar para restaurar ecosistemas, e entón a depuración pode ser un obxectivo secundario. Neste artigo descubriremos os tipoloxías dos humidais construídos, cales son as súas vantaxes e inconvenientes, e as súas aplicacións.

Tratamento de efluentes dun núcleo rural nun sistema dixestor-humidal

Pilar Barros, Ramsés Pérez, Virginia Rodríguez e Manuel Soto

Páx. 57 – 70

O enfoque tradicional do saneamento urbano baséase na centralización de pequenos e grandes efluentes mediante complexas, longas e custosas redes de transporte das augas residuais, para aplicar ao final, de ser caso, un tratamento primario, secundario ou terciario. Esta complexidade explica a carestía do modelo convencional de saneamento, e tamén algunhas convencionalidades ambientais, tales como o elevado consumo enerxético, a xeración de grandes cantidades de lodo, ou a transferencia de contaminantes desde o medio hídrico ao solo ou á atmosfera. As medidas de saneamento e depuración sustentábel poden abordarse en función da redución do caudal, aforrando auga limpa procedente do medio natural, e da redución da contaminación e recuperación de nutrientes, aforrando enerxía e materias primas. Entre estas medidas, unhas son compatíbeis cos actuais sistemas de saneamento mentres que a aplicación doutras require unha reformulación de todo o sistema desde o inicio.

ADEGA Cadernos
Travesa de Basquiños, nº 9 baixo. 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:adega@adega.gal