ADEGA Cadernos

Inicio / Números anteriores / Caderno nº 15 - Os ríos...

Decembro 2005

Caderno nº 15 - Os ríos galegos (II): Calidade e biodiversidade

Artigos do Caderno nº 15

Algas doceacuícolas nos ríos de Galiza

Mª Carme López Rodríguez

Páx. 7 - 16

As algas son un grupo moi diverso de plantas fotosintéticas carentes de raíces, tallos e follas, e de sistema vascular, que teñen clorofila a como pigmento primario fotosintético, e un amplo rango de estratexias reprodutivas: desde simple división asexual até formas complexas de reprodución sexual. As algas viven practicamente en todos os medios, aínda que maioritariamente encóntranse en hábitats acuáticos, pero desenvólvense tamén no solo, sobre a neve e o xeo soportando as temperaturas máis extremas. Nos ecosistemas acuáticos, as salgas son os produtores primarios máis importantes e a base da cadea alimentaria. En medios doceacuícolas como son os ríos, lagos, encoros, etc, o termo “alga”pódese asignar principalmente a organismos microscópicos, na súa maioría unicelulares ou filamentosos, algúns dos cales asócianse formando colonias e alcanzando dimensións visíbeis a simple vista como diminutas partículas verdosas, pardas ou negrallentas. No medio mariño, polo contrario, o que máis destaca cando nosa cercamos ás costas galegas en marea baixa, é a grande exuberancia vexetal debida ás algas macroscópicas, aínda que neste medio a representación de algas microscópicas tamén é elevada.

Contaminación fluvial

Manuel Soto e Isabel Ruíz

Páx. 17 - 37

As características naturais das augas superficiais varían dunha zona a outra e tamén de estación en estación, e en función das condicións climatolóxicas. Estas características naturais e o seu réxime de variación é un dos factores que determina o tipo de vida, a súa intensidade e diversidade nun determinado sistema fluvial. Da cabeceira á desembocadura pódense diferenciar diversas zonas segundo as características das augas: desde frías, oxixenadas e libres de materia orgánica, e de elevada velocidade na cabeceira até augas ricas en materia orgánica e con menor contido en oxíxeno nas zonas mansas onde predomina a sedimentación e pasando polas zonas intermedias.As especies que viven en cada tipo de auga son moi diferentes. A calidade dunha auga pódese determinar mediante diferentes parámetros tanto de tipo físico, como químico e biolóxico. Por outra banda a principal razón de contaminación das augas fluviais é o vertido de augas residuais de diferente procedencia: urbana, industrial.... Outras fontes poden ser o vertido de residuos sólidos ou a deposición desde atmosferas contaminadas. Neste traballo analizaremos con maior detalle a incidencia dos vertidos residuais sobre os ríos.

Método de restauración de ecosistemas fluviais

Joaquín Navarro Hervia e Asier Sáiz Rojo

Páx. 38 - 48

Durante as últimas décadas estanse practicando nos chamados países desenvolvidos técnicas e métodos de traballo que perseguen a restauración de ríos e ribeiras degradadas para recuperar os valores naturais, paisaxísticos e de ocio que antano ofrecían á humanidade. Os sistemas ribeiriños á vez que nos achegan valores estéticos, socioculturais, históricos e ecolóxicos, controlan a erosión e as escorrentías nas marxes, incrementan a súa estabilidade e proporcionan un sistema natural de defensa contra avenidas. Tamén melloran a calidade das augas ao conformar unha barreira filtrante fronte a pesticidas e fertilizantes; conservan intactos os frezadeiros das nosas especies piscícolas entre outras. Existe hoxe en día unha corrente mundial no ámbito da restauración de ecosistemas perturbados cuxo obxectivo principal consiste na recuperación dos ecosistemas en relación a un nivel axeitado de saúde, integridade e sustentabilidade, é que se denomina como Restauración Ecolóxica.

Galiza, o país dos cen mil ríos

Antonio Presas García

Páx. 49 - 59

O número de ríos que atopamos nun mapa depende basicamente da súa escala. Nos mapas con escala pequena, denominador moi grande, tan só están representados os ríos máis importantes, mentres que nos mapas topográficos a gran escala, denominador pequeno, o número de ríos aumenta significativamente, dependendo o seu trazado da habilidade do cartógrafo. Porén, cando se analizan mapas topográficos a escalas suficientemente detalladas, non sempre existe unha relación directa entre o aumento do número de correntes fluviais e o incremento de escala. Na nosa xeografía son máis abundantes estes regueiros de chuvia, de carácter intermitente, que os de carácter permanente, que son os denominados propiamente ríos. Por todas estas circunstancias, é lóxico que na cartografía á hora de sinalar un río, un afluente, un subafluente ou un pequeno regato existan dúbidas; pero isto non xustifica as numerosas omisións de canles fluviais en moitos mapas.Supoñamos que un cartógrafo formado nun ambiente de clima mediterráneo teña que realizar un rexistro hidrográfico sobre un mapa topográfico dunha zona calquera de Galiza. O normal é que omita unha gran parte dos regatos de primeira e segunda orde, polo seu carácter de correntes fluviais de punta de rede, ao non ter unha vexetación riparia que os identifique.

ADEGA Cadernos
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:adega@adega.gal