ADEGA Cadernos

Inicio / Normas de redacción

Normas de redacción

NORMAS DE PRESENTACIÓN DE ORIXINAIS PARA ADEGA-CADERNOS

ADEGA-Cadernos é unha revista que publica artigos de investigación e revisión científico-técnica sobre calquera das temáticas do eido ambiental, a ecoloxía e o desenvolvemento sustentábel, que fagan referencia ao ámbito galego ou ao global. Os traballos deberán ser orixinais e inéditos, podendo incluír resumos de traballos máis amplos, tais como teses doutorais, proxectos de fin de carreira e doutro tipo, ou monografías diversas.

Os traballos enviaranse por correo electrónico a cerna@adega.gal. Os ficheiros de texto deberán estar en formatos recoñecíbeis polo procesador de textos de OpenOficce ou alternativamente por Microsoft Word para Windows. Poderá enviarse material gráfico nos formatos JPG, TIFF, PDF, EPS, AI e CDR. No caso de formatos JPG e TIFF que teñan unha resolución mínima de 300 ppp. Así mesmo, no caso de considerarse necesario, poderanse enviar os ficheiros nun CD por correo postal ao seguinte enderezo: ADEGA-Cadernos, Travesa de Basquiños nº 9, 15704- Santiago de Compostela.

A secretaría de redacción xustificará a recepción de todos os orixinais recibidos nun prazo máximo de 30 días desde o seu recibimento. Logo, serán remitidos a dúas persoas avaliadoras anónimas, das cales cando menos unha será allea ao Consello de Redacción de ADEGA-Cadernos. As persoas avaliadoras informarán sobre a conveniencia de publicar ou non os textos avaliados ou de introducir neles cambios ou correccións antes de seren publicados. O Consello de Redacción decidirá definitivamente sobre a publicación baseándose nos informes de avaliación.
As indicacións de corrección, de ser o caso, só lle serán enviadas ao autor ou autora que solicitou a publicación, que deberá devolvelas nun prazo máximo de 30 días a partir da data de recepción.

ESPECIFICACIÓNS TÉCNICAS

  1. ADEGA-Cadernos edítase en galego, polo que os autores e autoras deberán enviar preferentemente os orixinais neste idioma. Os textos remitidos noutras linguas serán traducidos para a súa publicación, aínda que a editora poderá solicitarlles aos autores/as a remisión dos seus textos xa traducidos.
  2. Por decisión da dirección, e tras solicitude do/a autor/a ou dalgún membro do Consello de Redacción ou Científico, ADEGA-Cadernos poderá incluír a publicación dos traballos noutras linguas, mais acompañados sempre dunha versión en lingua galega.
  3. Os orixinais cumprirán as seguintes normas: interliñado simple (de 1), letra Times New Roman de tamaño 12, marxes de 3 cm (superior, inferior, esquerda e dereita). Para as notas a pé de páxina e a bibliografía: interliñado de 1 e letra Times New Roman de tamaño 10.
  4. A extensión máxima dos traballos será de 20 páxinas (un máximo de 10.000 palabras), incluíndo nelas as gráficas, as figuras, os cadros, as táboas, as notas a pé de páxina, os apéndices ou anexos e a bibliografía. Os títulos de táboas e gráficos ou figuras, así como o corpo das táboas levarán letra Times New Roman de tamaño 10. A bibliografía incluirá un mínimo de 3 e un máximo de 30 referencias.
  5. Na primeira páxina figurará o título do traballo, o máis específico e breve posíbel. De seguido aparecerá o nome dos seus autores xunto coa súa afiliación e enderezo laboral postal, teléfono e correo electrónico.
  6. A continuación figurará un resumo do traballo de non máis de 250 palabras.
  7. Recoméndase que os autores axunten versións en español e en inglés do título e resumo do artigo.
  8. O resto do texto presentarase sen marcas de composición, agás as relativas á indicación dos fragmentos que deban ir en cursiva. Os símbolos, unidades e nomenclaturas empregadas estarán de acordo co uso das normas internacionais.
  9. As Táboas e Figuras (opcionalmente Cadros) irán numeradas consecutivamente con caracteres arábigos, levando un encabezamento conciso, así como as notas ao pé que expliquen os símbolos utilizados e as aclaracións necesarias, facendo referencia a elas no texto como Táboa 1, Figura 1, Cadro 1, etc.
  10. As citas bibliográficas incluídas no texto do traballo presentaranse indicando entre parénteses o nome do primeiro autor, seguido do ano, por exemplo: (Casal, 1984) ou (Casal et al., 1986), ou ben indicando o nome do autor e, entre parénteses, o ano, por exemplo: Casal (1984) ou Casal et al. (1986). Cando non se trate de máis de dous autores, incluiranse os nomes de ambos os dous na mención do texto.
  11. As referencias bibliográficas poranse ordenadas alfabeticamente ao final do traballo, e cunha suborde cronolóxica para o caso de varios traballos dun mesmo autor. Poranse en cursiva o nome das revistas e o título dos libros.

SECCIÓNS COMPLEMENTARIAS EN ADEGA-CADERNOS

A modo de seccións complementarias, ADEGA-Cadernos tamén poderá publicar textos co seguinte carácter e requisitos (Nota: non serán sometidos necesariamente a avaliación anónima):

  • Documentos: Textos de carácter histórico, teórico, bibliográfico ou institucional de interese relevante no ámbito da Medio Ambiente e a Sustentabilidade, inéditos ou de difícil acceso para o investigador ou para o lector habitual de ADEGA-Cadernos. Terán as mesmas características de elaboración (formato e extensión) que as dos artigos. Se se tratase de textos xa publicados, os remitentes deberán garantir a dispoñibilidade dos dereitos de reprodución.
  • Recensións bibliográficas: Información crítica sobre as novidades editoriais publicadas nos últimos anos en temas relacionados co Medio Ambiente e a Sustentabilidade. O número máximo de páxinas será de 2.
  • Información profesional: Notas sobre a celebración de eventos de interese académico ou profesional para ecoloxistas, profesionais, docentes e investigadores en Medio Ambiente e a Sustentabilidade (congresos, xornadas, convocatorias, etc.). O número máximo de páxinas será de 2.


ADEGA Cadernos
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:adega@adega.gal