ADEGA Cadernos

Buscador

Formulario de busca

Sistemas agrarios na Galiza

Fernando Malvar

Caderno nº 4 - Agroecoloxía na Galiza

Páx. 19-24

O gran auxe do ambientalismo na actualidade é, máis cá unha moda, unha necesidade palpable. Así no eido da agronomía existe a nivel mundial un crecente movemento que pula por unha agricultura de calidade. Este afán de ecocompatibilizar as prácticas agrícolas comezou nas zonas máis desenvolvidas do planeta por seren tamén as primeiras en sufrir as súas consecuencias. No caso de Galiza, a tardía incorporación ao capitalismo fai que nos topemos con moitos dos problemas da intensificación industrial do agro e con poucos dos seus beneficios. Desde aquí somos conscientes do nocivo que é para o medio o agro industrializado e tamén do pouco solidario cos demais que tamén queren producir. Para atallar o estudo agronómico que isto esixe, debémolo facer comezando por trocar o punto de vista científico desde a visión parcelaria e especializadora ata a integral e multidisciplinar. Faise pois, imprescindible a análise desde o enfoque sistémico, introducindo nel non só os factores de produción comercializables, senón tamén os ambientais e sociolóxicos.

Fertilización en agricultura ecolóxica

Fernando Malvar e Isabel Torres

Caderno nº 4 - Agroecoloxía na Galiza

Páx. 25-30

A fertilización debe entenderse como a necesidade de manter a potencialidade produtiva dun solo. O descubrimento do papel dos sales minerais na alimentación das plantas xunto co impulso comercializador e divulgativo feito polas industrias químicas levou a magnificar as funcións do N,P,K (NO₃, P₂O₅, K₂ O) nos cultivos. A partires de aí baseouse toda a fertilización na restitución das extraccións feitas polos cultivos ós solos, ignorando ou minimizando cousas tan importantes como a dinámica dos sales no solo, a bioloxía e o papel clave desenvolvido pola Materia Orgánica (MO). O humus, é o elemento distintivo entre un chan inerte e outro con vida. Constitúese na materia cimentante das partículas minerais, sendo o fundamento da estabilidade estrutural dos chans, estabilidade que dá a resistencia a ser erosionado. Tamén é destacable o aumento na retención de auga e o seu comportamento hidrófilo. Por último, temos que abandonar a idea de que en Galicia os chans teñen sobradamente MO e polo tanto quitarlle importancia ao humus. O capital na funcionalidade dun chan agrícola é a dinámica da MO xa que a destrución desta é a que a fai viable para o seu aproveitamento para os cultivos.

Manexo da cuberta vexetativa

Isabel Torres Jack

Caderno nº 4 - Agroecoloxía na Galiza

Páx. 31-40

Ao falar da cuberta vexetativa referímonos ás técnicas relacionadas coa agronomía dos cultivos, ademais do manexo da vexetación utilizada de xeito protector e técnicas relacionadas co uso de policultivos e rotacións. Aínda que sexa insistente consideramos importante incidir na ferramenta da biodiversidade para optimizar o manexo de recursos e pragas dun agroecosistema, co deseño e construción de “arquitecturas vexetais” que manteñan poboacións de inimigos naturais ou disuadan insectos pragas. Ao escoller un sistema de cultivo hai que ter en conta algunha consideración agronómica como a fotosíntese, a máxima produción e produtividade, os sistemas de cultivos estables…

A gandaría ecolóxica

Laura Touza

Caderno nº 4 - Agroecoloxía na Galiza

Páx. 41-46

A gandaría ecolóxica é unha parte fundamental da agroecoloxía que procura a produción animal desde un sistema extensivo, no que os animais saen ao exterior para alimentarse e facer exercicio, manténdose unhas condicións de vida o máis acordes posibles coa súa natureza, respectando os ciclos biolóxicos e reprodutivos e seus hábitos alimenticios, sociais… tendo en conta que son animais domésticos afeitos aos coidados do home. Con este tipo de produción preténdese evitar a degradación do entorno e conseguir uns alimentos de orixe natural sans e de gran calidade, ademais de darlle unha vida digna ao animal. A cría de gando ecolóxico fundaméntase, basicamente, na selección de razas adaptadas, nun bo manexo en un eficaz coidado sanitario.

Produtos ecolóxicos: Aspectos legais e comercialización

Yann Pouliquen

Caderno nº 4 - Agroecoloxía na Galiza

Páx. 47-54

No mercado actual atópanse varios cualificativos que teñen para o consumidor un significado parecido, pero que na realidade responden a formas de producir moi distintas, é dicir, grado de protección do medio ambiente distintos. O produto ecolóxico é o único que realmente pretende protexelo medio ambiente e a agricultura integrada non rexeita os produtos químicos, aínda que trata de limitalo seu uso. Cando se empezou a falar de agricultura ecolóxica, e sobre todo cando se empezaron a vender no mercado produtos elaborados sen emprego de produtos químicos de síntese, apareceu a necesidade de garantir ao consumidor a veracidade desta publicidade que aparecía nos produtos, tanto a nivel internacional como estatal. Creouse entón un aval, todo un aparato legal destinado a tal tarefa, no estado español a figura xurídica adoptada foi, e segue sendo, a de denominación xenérica.

Presentación

ADEGA / Redacción

Caderno nº 5 - Transporte e medio ambiente

Páx. 5-6

Con este caderno, ADEGA proponse contribuír a incrementar a consciencia da sociedade galega sobre o grave impacto ambiental de tipo local e planetario do actual modelo de transporte.Ademais destes aspectos, este caderno tamén invita a afondar na outra cara desta mesma moeda: o debate sobre uns medios de transporte adecuados ás necesidades sociais e ás posibilidades económicas do país, que respecte os límites ambientais e se adapte ás características naturais e poboacionais galegas. Estas preocupacións han de levarnos a avaliación dos custes externos das diferentes alternativas de transporte: camiños de ferro, tren de alta velocidade,transporte rodado e coche particular, avión, transportes colectivos…coa finalidade de dispor de criterios obxectivos para apoiar e darlle prioridade a unhas e outras infraestruturas.

ADEGA Cadernos
Travesa de Basquiños, nº 9 baixo. 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:adega@adega.gal