ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O desleixo da Xunta co Monte Pindo, chave para a...

12-09-2013

O desleixo da Xunta co Monte Pindo, chave para a súa destrución

Un pavoroso incendio arrasa arestora o Monte Pindo e leva queimadas máis de 1000 ha. Quenes levamos anos divulgando os seus valores, laiámonos de que a Xunta desatendera o clamor popular para a súa protección. Son tan culpábeis coma os incendiarios!


Un Parque Natural reclamado pola sociedade e ninguneado pola Xunta


Lamentabelmente no que se refire a protección do Monte Pindo, nada mudou en case 10 anos, nen sequera despois de que en 2005 ardera na súa práctica totalidade. Malia a ser parte da Rede Natura 2000, o abandono institucional é absoluto. O que si mudou é que a sociedade da Costa da Morte en particular e grande parte da galega vimos reclamando dende hai 3 anos a declaración do Monte Pindo como Parque Natural, recibindo o mesmo desleixo como resposta por parte da Xunta.

ADEGA e a Asociación Monte Pindo Parque Natural sempre defenderon a proposta de declarar este espazo Parque Natural non unicamente polos seus singulares valores xeolóxicos e biolóxicos, senón porque tamén é a única figura que garante a participación social (concellos, propietarios, sectores sociais) através do Padroado e un orzamento fixo para a conservación do espazo e a dinamización socioeconómica da contorna. Non menos importante é porque esta proposta xurdiu da propia sociedade e concitou amplos apoios dende os máis diversos sectores. Cantos espazos protexidos, non só en Galiza senón no mundo xurdiron a iniciativa da propia sociedade que vive ao seu carón?

A incompetencia, a inoperancia e o desleixo cómplice da Xunta para co Monte Pindo están tamén detrás da catástrofe que hoxe lamentamos. Porque non só é culpábel quen prende o lume, senón tamén os que por inacción ou omisión, impeden que a cidadanía se implique na conservación do noso patrimonio natural, facendo que agromen sinerxias e oportunidades que reforzarían o compromiso con este espazo senlleiro. Porque o abandono institucional alimenta tamén os lumes, dende ADEGA responsabilizamos directamente á administración ambiental e nomeadamente ao conselleiro Sr. Hérnandez desta desfeita: Nen fixo nen deixou facer no Pindo, e hoxe vemos as consecuencias.

Dende ADEGA facemos un chamado á cidadanía e en particular á da Costa da Morte para que, fronte á cerrazón culpábel da Xunta, sigan apoiando a iiniciativa para que Monte Pindo sexa declarado Parque Natural. A proposta, polo que ADEGA atinxe, vai perdurar no tempo con lumes ou sen eles. Non acontecerá o mesmo con Hernández, dous dos piores xestores que tivo a natureza galega na historia recente.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal